O Clúster TIC participa no programa The Break en Galicia coa aceleración de 16 proxectos de emprendedoras europeas

Silvia Camesella,

O Clúster TIC participa no programa The Break en Galicia coa aceleración de 16 proxectos de emprendedoras europeas


  • A  entidade exercerá como mentora das participantes durante a súa estancia en  Santiago de Compostela, do 20 de maio ao 13 de xuño
  • Busca  posicionarse como impulsora de iniciativas tecnolóxicas a nivel europeo,  ademais de promover novas alianzas de negocio con partners locais
  • Co  obxectivo de fixar poboación no rural, as breakers inspirarán as vocacións  STEM con relatorios e actividades en centros educativos de Muxía e Cee
  • Recibirán,  ademais, formación e asesoramento especializado da man de expertos en  diferentes áreas de negocio e visitarán distintas empresas socias

O Clúster TIC Galicia participa no programa The Break na comunidade como entidade receptora e impulsora de 16 proxectos de emprendedoras europeas. O obxectivo desta iniciativa, de ámbito nacional, é atraer talento feminino a España doutros países de Europa para crear unha rede de emprendemento e intercambio de experiencias a nivel europeo. Está  deseñada pola Escola de Organización Indrustrial (EOI) e promovida pola The Break Alliance, integrada por Impact Hub, Mentors day e Startups.st.

En Galicia, son cinco as organizacións locais adscritas ao programa, PymeOn, Fundación Roberto Rivas, Sende e Anceu coliving, ademais do Clúster TIC. Esta última é a que acolle un maior número de emprendedoras, 16 en total, das máis de 75 que forman parte de The Break a nivel galego. No resto do territorio español, hai 27 entidades seleccionadas e ao redor dun millar de mulleres cunha idea de negocio, MVP ou cunha empresa con menos de cinco anos de vida.

Coa súa participación neste programa, o Clúster TIC Galicia busca posicionarse como entidade impulsora de proxectos tecnolóxicos de emprendemento a nivel europeo e contribuír a visibilizar Galicia e o seu talento no ámbito nacional e internacional.

Impactar na  comunidade

Outra das finalidades da iniciativa é promover o desenvolvemento local e impactar na comunidade receptora. Con este obxectivo, as breakers culminarán o programa de aceleración cunha inmersión en Galicia do 20 de maio ao 13 de xuño.

Durante a súa estancia desenvolverán un reto que consistirá en inspirar ás novas xeracións poñendo en valor as profesións STEM a través de relatorios e actividades en centros educativos de Muxía e Cee. Deste xeito, mediante a súa propia experiencia, visibilizarán algunhas das oportunidades e vantaxes que ofrece o sector tecnolóxico, como traballar en remoto, para contribuír a fixar a poboación no rural.

60 horas de  formación e mentorías

O seu espazo de traballo será o coworking do GaiásTech, situado na Cidade da Cultura, a través dun acordo de colaboración entre o Clúster TIC Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Neste centro recibirán máis de 60 horas de formación e mentorías grupais e personalizadas, segundo as necesidades de cada proxecto e da man de expertos en diferentes áreas de negocio.

Ademais, visitarán distintas empresas socias do Clúster TIC e manterán encontros con varias entidades de emprendemento para coñecer outras iniciativas locais e establecer novas alianzas de negocio.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies