O Clúster TIC Galicia apoia a candidatura da Coruña para acoller a sede da Axencia para a Supervisión da Intelixencia Artificial, adoptada pola Xunta

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia apoia a candidatura da Coruña para acoller a sede da Axencia para a Supervisión da Intelixencia Artificial, adoptada pola Xunta


  • A entidade considera  que é unha decisión baseada en datos obxectivos e que toda a comunidade se  beneficiaría se resultase seleccionada
  • Esperamos que se  traballe conxuntamente para maximizar as posibilidades de que Galicia sexa  escollida finalmente como localización da Aesia”, sinala o seu presidente,  Antonio Rodríguez del Corral
  • O Clúster amosa a súa  total disposición a aportar ideas, proxectos e capacidades de cara a axudar a  construír a mellor proposta posible

O Clúster TIC Galicia amosa o seu apoio á decisión tomada onte pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), tras a reunión mantida co Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GalicIA), para que A Coruña sexa a candidata galega a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).

“Trátase dunha decisión rigorosa, baseada en datos obxectivos, e consideramos que toda a comunidade se beneficiaría se finalmente Galicia resultase escollida como localización para a Aesia por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital”, declara o presidente da entidade, Antonio Rodríguez del Corral. Neste sentido, sinala que as razóns do Nodo GalicIA para apoiar a candidatura da Coruña son as mesmas que sosteñen o proxecto da Cidade das TIC.

“Cremos que todos debemos apoiar ao máximo esta proposta para maximizar as posibilidades de que Galicia consiga a sede da axencia. Trátase de competir a nivel estatal e é preciso presentar a candidatura máis forte”, comenta Rodríguez del Corral, e engade: “O Clúster TIC tamén alberga no seu seo ás empresas tecnolóxicas das principais cidades galegas, e o feito de situar a sede da Aesia en Galicia, sería bo para o conxunto do sector”.

Neste sentido, a organización amosa a súa total disposición para aportar ideas, proxectos e capacidades de cara a contribuír a presentar a mellor candidatura posible para a localización da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.

Efecto tractor 

O presidente do Clúster cre que atraer a sede da Aesia a Galicia terá un efecto tractor relevante sobre entidades empresariais de alto valor, que poden atopar na Cidade das TIC un espazo idóneo e de alta calidade para establecerse.

Non obstante, Rodríguez del Corral deixa claro que “a asociación traballa para que o sector TIC medre en toda Galicia”, e sostén que a Cidade das TIC é un proxecto que se desenvolverá no conxunto da comunidade, poñendo como exemplo o centro de servizos avanzados Galicia TurisTIC, que abriu as súas portas o pasado mes de maio en Vilagarcía de Arousa.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies