NodeHub, o programa de incubación impulsado por INCIBE Emprende e o Clúster TIC Galicia, celebrou o peche da súa primeira edición cun Demo Day, que tivo lugar o pasado 25 de setembro na Cidade das TIC da Coruña. Durante a xornada, os emprendedores participantes tiveron a oportunidade de presentar as os seus proxectos tecnolóxicos innovadores perante investidores e membros do ecosistema TIC galego co obxectivo de acadar o financiamento preciso para poder levar a cabo as súas propostas.
As sesións pitching deron paso á deliberación dun xurado composto por expertos en innovación, emprendemento e capital de risco para determinar os tres mellores proxectos do programa:
- CertyChain, de Sara Chao, obtivo o primeiro premio. Trátase dunha aplicación baseada en blockchain para a firma e verificación de documentos dixitais, ofrecendo seguridade e transparencia nos procesos legais e contractuais.
- O segundo galardón foi para Vestigium Capital, de Juan Carlos Pérez, unha plataforma de xestión de fondos de investimento baseada en intelixencia artificial para optimizar a xestión financeira.
- Adrián Caridad, coa súa proposta ClaramenteTú, acadou o terceiro recoñecemento. O seu proxecto pretende axudar a nais e pais a educar aos seus fillos nunha xestión correcta e saudable das súas emocións.
Na súa decisión, o xurado tivo en conta o carácter innovador das diferentes propostas, a súa aplicación a diferentes sectores, a viabilidade técnica, o potencial de mercado ou a escalabilidade. Este grupo de expertos estaba integrado por Pablo Lombardero, analista de investimentos en Unirisco, Fany Suárez, subdirectora de Inversións e Startups do Igape, Roberto Touza, CEO de Startups.st, Daniel Prieto, socio fundador e general partner de Noso Capital, e Teresa Somoza, do Servizo de Promoción Cultural do Concello da Coruña.
Outros proxectos destacados
- Etnobotanic, de Josefina Anllo Naveiras. Trátase dunha app que aborda o deterioro cognitivo utilizando etnobotánica e realidade aumentada. Combina a tradición mediciñal das plantas con tecnoloxía moderna para axudar ás persoas a xestionar mellor a súa saúde mental.
- Orange Legal, de James Orange - Bromehead. É unha plataforma educativa para ensinar inglés xurídico a profesionais mediante autoestudo, mentorías e sesións grupais.
- Drakkar Ship Tech, de Lara García Yáñez. Propón un servizo integral de aprovisionamento a buques, que abarca desde alimentos ata repostos. Contémplase expandirse a iates, cruceiros e pesqueiros, integrando tecnoloxía e-commerce e loxística personalizada.
- Tallki, de Mónica Papp Paz. Presenta unha plataforma de creación de camisetas interactivas usando tecnoloxías emerxentes como realidade aumentada e outras experiencias inmersivas.
- Livddans, de Laura Iglesias López. A súa idea consiste nunha web para entusiastas do baile que combina clases, contidos personalizados e IA que segmenta intereses individuais.
- AGG by ArtGonuts, de Javier Toral Conde. Propón un proxecto para conectar a turistas con experiencias culturais locais a través de museos e outros activos culturais.
- Vissiona, de Francisco Javier Holguín Santiago. Ofrece formación e consultoría en intelixencia artificial para pemes, axudándoas a implementar esta tecnoloxía nas súas operacións.
- CT-Soil Project, de Carlos Otero Esmorís. Trátase dun proxecto biotecnolóxico que simplifica a transferencia de tecnoloxía a solucións agrícolas populares, axudando aos usuarios a mellorar a sostibilidade das súas prácticas.
- Shuttle, de Jacobo Díaz Lemus. Propón un software para xestionar e automatizar a creación de contido para influencers e creadores, utilizando intelixencia artificial para optimizar o seu traballo.
- Human Hub, de Juan de Dios Barrios Lugo. Consiste nun hub educativo online para deseñar bootcamps de UX, UI e CX.
- Tvastar Digital Hub, de Alfonso Rodríguez Gómez. Ideou unha plataforma de xestión empresarial online para autónomos e microempresas, coa aplicación de intelixencia artificial.
4 meses de incubación
O programa de incubación de Node Hub remata así a súa primeira edición, con catorce startups e emprendedores participantes, que ao longo dos últimos catro meses recibiron o apoio, a formación e a mentorización necesarios para impulsar os seus proxectos. Isto foi posible grazas á aprendizaxe adquirida a través de distintas formacións con expertos en tecnoloxía, ás xornadas de networking ou o acceso ao ecosistema galego de colaboradores.
Comentarios