NodeHub, a incubadora do Clúster TIC Galicia, celebra o peche do seu primeiro programa de impulso de proxectos tech cun Demo Day

Silvia Camesella,

NodeHub, a incubadora do Clúster TIC Galicia, celebra o peche do seu primeiro programa de impulso de proxectos tech cun Demo Day


NodeHub, a incubadora do Clúster TIC Galicia, celebrou o peche do seu primeiro programa de incubación de proxectos do sector tech cun Demo Day, que tivo lugar o pasado 25 de setembro na Cidade das TIC da Coruña. Durante a xornada, os emprendedores participantes tiveron a oportunidade de presentar as súas ideas innovadoras perante investidores e membros do ecosistema tecnolóxico galego co obxectivo de acadar o financiamento preciso para poder levar a cabo as súas propostas.

As sesións pitching deron paso á deliberación dun xurado composto por expertos en innovación, emprendemento e capital de risco para determinar os tres mellores proxectos do programa: 

  • CertyChain, de Sara Chao, obtivo o primeiro premio. Trátase dunha aplicación baseada en blockchain para a firma e verificación de documentos dixitais, ofrecendo seguridade e transparencia nos procesos legais e contractuais.
  • O segundo galardón foi para Vestigium Capital, de Juan Carlos Pérez, unha plataforma de xestión de fondos de investimento baseada en intelixencia artificial para optimizar a xestión financeira.
  • Adrián Caridad, coa súa proposta "ClaramenteTú", acadou o terceiro recoñecemento. O seu proxecto pretende axudar a nais e pais a educar aos seus fillos nunha xestión correcta e saudable das súas emocións.

Na súa decisión, o xurado tivo en conta o carácter innovador das diferentes propostas, a súa aplicación a diferentes sectores e viabilidade económica. Este grupo de expertos estaba integrado por Pablo Lombardero, analista de investimentos en Unirisco, Fany Suárez, subdirectora de Inversións e Startups  do Igape, Roberto Touza, CEO de Startups.st, Daniel Prieto, socio fundador e general partner de Noso Capital, e Teresa Somoza, do Servizo de Promoción Cultural do Concello da Coruña.

4 meses de incubación

O programa de incubación de Node Hub remata así a súa primeira edición, con catorce startups e emprendedores participantes, que ao longo dos últimos catro meses recibiron o apoio, a formación e a mentorización necesarios para impulsar os seus proxectos. Isto foi posible grazas á aprendizaxe adquirida a través de distintas formacións con expertos en tecnoloxía, ás xornadas de networking ou o acceso ao ecosistema galego de colaboradores.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies