Carlos Otero, CEO de CT-Soil: "NodeHub supuxo moitísimo esforzo e un gran salto cualitativo no proxecto"

Silvia Camesella,

Carlos Otero, CEO de CT-Soil: "NodeHub supuxo moitísimo esforzo e un gran salto cualitativo no proxecto"


Carlos Otero viu unha oportunidade no escaso avance dos formatos dos compoñentes necesarios para cultivar, con sacos de gran tamaño e multitude de opcións que é preciso comprar para traballar a terra. De aí xurdiu CT-Soil (Cartón-Terra Soil). "Trátase dun material de cultivo formado por unha dobre capa de cartón que incorpora no seu interior diferentes combinacións de elementos válidos para a agricultura ecolóxica e dous niveis de información impresa na súa base", explica.

A través deste substrato -lixeiro e compostable-, de orixe circular e local, pódese nutrir o chan e mediante un código QR, o usuario obtén as instrucións precisas para realizar unha colleita exitosa. "Esta solución tamén pretende paliar a falta de coñecemento dos máis novos sobre como cultivar, así como a dependencia de produtos externos que non se atopan na Unión Europea e o alto custo da biotecnoloxía para os usuarios domésticos", apunta Otero.

Ademais, permite aforrar custos e material, tanto ao usuario como ao propio proxecto CT-Soil, xa que a cobertura comercializada só inclúe a cantidade recomendada de cada elemento necesario para plantar, "o que reforza a nosa vantaxe competitiva", sinala.

Node Hub e Tech Angels Network

CT-Soil é unha das propostas participantes na incubadora NodeHub, posta en marcha polo Clúster TIC Galicia, en colaboración con Incibe Emprende. O seu paso por este programa permitiulle actualizar os seus coñecementos e facilitarlle o uso de novas ferramentas de intelixencia artificial. "Supuxo moitísimo esforzo, pero un gran salto cualitativo", confesa Carlos.

Meses antes, Otero participara en Tech Angels Network, a iniciativa do Clúster TIC Galicia para conectar startups e líderes tecnolóxicos que lles permitisen acceder a tecnoloxías complexas. Despois de formar parte de ambos os programas, Carlos Otero está a adaptar o proxecto para acceder a diferentes programas da Unión Europea e afinando alianzas que lle permitan dar o impulso definitivo a CT-Soil. "O obxectivo, sobre todo, é mecanizar a produción", apunta.

 Vantaxes de CT-Soil

O Cartón-Terra permite transferir a biotecnoloxía que utiliza a gran agricultura a formatos económicos e válidos para o cultivo, ademais de servirse do IoT, drons para mapear o espazo de cultivo, realidade aumentada para realizar simulacións das plantacións e poder prefabricar a medida o CT coa forma e contido elixidos polo cliente.

Actualmente, CT-Soil diríxese a persoas de idade avanzada, con problemas de mobilidade ou dificultades sensoriais, alumnado de centros escolares e usuarios de hortos urbanos ou sen coñecementos sobre o traballo da terra. Nunha segunda fase, o propósito é centrarse na recuperación de terreos degradados, realizar paisaxes urbanas e proxectos agrícolas a gran escala.

Otero destaca, ademais, o "alto compromiso social" do proxecto: "O substrato pódese fabricar de forma sostible en case calquera lugar do mundo, algo que non existe no mercado. O obxectivo é chegar a toda a Unión Europea aproveitando subproductos autóctonos e creando Cartón-Terra adaptado aos cultivos e chans de cada sitio, con socios e investigadores locais", sostén.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies