RuralEU é o proxecto co que Raquel Braña participou na incubadora Node Hub, impulsada polo Clúster TIC Galicia, en colaboración con Incibe Emprende. O obxectivo da súa proposta é ofrecer un servizo de comunicación a municipios de menos de 6.000 habitantes para atraer e fixar poboación no rural, potenciando a proposta de valor de cada territorio. "A idea xurdiu en 2019, cando vin que aínda se situaban bandos municipais en vitrinas de igrexas e concellos", sinala Braña.
Para esta profesional en continua formación participar en Node Hub supuxo un cambio brutal no seu proxecto. "Puiden aclarar os obxectivos e as condicións, aliñándoas ao que quería", confesa. Ademais, a incubadora permitiulle ampliar os seus coñecementos sobre automatización de procesos e mellorar o seu pitch perante investidores. Porén, o que máis lle gustou foron "as aportacións humanas, a clave para que me esforzase", subliña.
Tras o seu paso polo programa, está a negociar posibles colaboracións con institucións públicas para poder crecer dunha forma máis rápida e estratéxica. "Quero dinamizar o rural desde dentro, mellorar a súa comunicación vivindo e convivindo cos concellos aos que lles ofrezo o meu traballo, unha condición que non brindan outras consultoras ou axencias", expresa, e deixa unha mensaxe para futuros participantes de Node Hub: "Que se esforcen tanto como poidan, que lle saquen o maior partido posible e que gocen o proceso".
Comentarios