O Clúster TIC participa na presentación do catálogo formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) para 2023/24

Silvia Camesella,

O Clúster TIC participa na presentación do catálogo formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) para 2023/24


A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, da Xunta de Galicia, presidiu onte o acto de presentación da oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). No acto, que contou coa participación do presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral,  púxose en valor o convenio de capacitación dixital que a Consellería mantén co Clúster TIC Galicia, con arredor de 10.000 participantes formados entre 2022 e 2023 -a data de hoxe-. Entre os programas formativos da Consellería, destacouse ademais o contrato para a dixitalización de mulleres prioritariamente desempregadas e de municipios de menos de 30.000 habitantes, tamén con preto de 10.000 participantes a día de hoxe.

Elena Rivo calificou o CNTG como unha entidade “de prestixio” na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), “referente na creación de emprego de calidade coa conseguinte aportación de benestar aos galegos e galegas”. Para seguir nesa senda, puxo de relevo que se duplicarán os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Para materializalo, o orzamento case que se cuadriplicará, acadando os 2 millóns de euros.

Na súa intervención, a conselleira salientou o papel fundamental do CNTG á hora de formar non só persoas traballadoras, senón tamén desempregadas que buscan unha oportunidade nas TIC, “un sector cambiante, en constante evolución”, de relevancia internacional. Así, sinalou que “13.000 persoas do sector son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009”, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.

Para o período 2023/2024, Elena Rivo fixo fincapé en que se aumentará a variedade de propostas para dar resposta á formación requirida nas tecnoloxías máis demandadas “da man das empresas do sector”, para adaptarse ás necesidades en eidos como a ciberseguridade, as solucións na nube, a ciencia de datos ou a intelixencia artificial. Engadiu que este labor está “avalado polos principais fabricantes tecnolóxicos”, que certifican as accións formativas, e altamente demandado polo sector, de aí o reforzo da proposta formativa para 2023/2024. 


Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies