O Clúster TIC Galicia considera "unha oportunidade histórica" a aprobación da redacción do Plan Director das TIC por parte do Consello da Xunta o pasado xoves, 29 de febreiro. Este instumento únese así aos plans xa anunciados polo Goberno galego para a industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira e a loxística industrial.
O obxectivo é que estes mecanismos de planificación estratéxica permitan potenciar o desenvolvemento da actividade industrial nestes sectores a través da definición das medidas necesarias para o seu impulso co obxectivo de fortalecer a industria galega e a creación e mantemento de emprego.
Na elaboración destes plans directores participarán as consellerías con competencias na materia, así como o sector privado e representantes dos traballadores. No caso do ámbito tecnolóxico, o Clúster TIC Galicia empezará proximamente a recoller opinións de socios e empresas non asociadas para trasladarlle as achegas máis convenientes á Secretaria Xeral de Industria, coa que se reunirá nos vindeiros días.
A esta primeira xuntanza acudirán representantes do CODI co obxectivo de abordar os primeiros pasos para a redacción do plan. O Clúster TIC Galicia aportará,, ademais o seu expertise na compoñente de dixitalizacion dos demais plans directores.
Resposta real ás necesidades do sector
A Secretaría Xeral de Industria, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, considera así ao sector TIC como estratéxico, sinalando que o seu impacto terá un efecto multiplicador para o conxunto da industria galega. O Plan Director das TIC permitirá ter un instrumento consensuado que dea unha resposta real ás necesidades do sector tecnolóxico durante o seu proceso de transformación.
Contará con medidas que, partindo dunha análise da situación de partida, permitan impulsar a modernización e produtividade, dixitalizar procesos, implantar modelos de produción máis eficientes e respectuosos co ambiente e mellorar a seguridade. Terá un peso especial, ademais, a potenciación do capital humano.
O Plan Director das TIC forma parte da estratexia de política industrial de Galicia, que pretende facilitar o proceso de adaptación da industria galega ao contexto actual e futuro, incluíndo a transformación enerxética e dixital. Para que sexa un éxito, é fundamental que todos os actores se impliquen ao máximo, aportando as mellores ideas para o sector.
Comments