A entidade está a recoller datos de empresas TIC con sede en Galicia para poñer a disposición de demandantes de tecnoloxía e outros axentes intermedios
En tan só unha semana xa hai máis de 200 entidades rexistradas ou en proceso e estímase que esta cifra supere as 300 entidades nesta primeira fase
O Mapa de capacidades do sector TIC galego, como se denominará o directorio, formará parte do portal GaiásTech, liderado pola Amtega
Está aberto a todas as firmas tecnolóxicas que desexen colaborar
O Clúster TIC Galicia está a traballar nun proxecto sectorial estratéxico para a elaboración dun mapa de capacidades, produtos e servizos do sector TIC galego que recolla os datos daquelas empresas con sede física en Galicia que desenvolven actividades tecnolóxicas, dirixido a demandantes de tecnoloxía e axentes intermedios, como hubs de innovación e outras agrupacións industriais, colaborando no mesmo coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Na actualidade, a entidade está a recompilar información sobre empresas TIC, independentemente de se forman parte do propio Clúster, a través dun completo formulario que inclúe datos como os sectores clientes, as certificacións e acreditacións en vigor, as patentes e marcas propias ou as solucións ofrecidas. Con máis de 200 perfís de entidades cubertos ou en proceso de finalización, en tan só unha semana de recompilación de información, expresa o compromiso das entidades tecnolóxicas de Galicia co proxecto, estímase que esta participación superará ás 300 entidades rexistradas e catalogadas nesta primeira fase. Esta recollida de datos é o primeiro paso para contar cunha ferramenta que permita acadar unha maior visibilidade aos produtos e servizos TIC feitos en Galicia así como as capacidades acumuladas polas mesmas.
O proxecto enmárcase na iniciativa GaiásTech, liderada pola Amtega, que busca lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica. Responde, ademais, á necesidade de cubrir a crecente demanda de provedores tecnolóxicos detectada polo Clúster TIC Galicia así como axilizar e dinamizar as buscas actuais e futuras. A información do mapa estará tamén dispoñible para os Hubs de Innovación Dixital, impulsados pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, dos que o Clúster TIC Galicia é parte, que están chamados a xogar un papel de ventá única no proceso de dixitalización.
O proxecto integrarase no portal GaiásTech, asegurando a súa a visibilidade e o seu uso por parte de axentes tales como empresas, centros de coñecemento, clústeres, hubs de innovación dixital ou calquera outra entidade con interese nos procesos de transformación dixital de todos os sectores económicos de Galicia e no impulso da dixitalización en xeral.
Novos proxectos tecnolóxicos
O Mapa de capacidades TIC de Galicia, en curto MapaTIC, postúlase como o principal directorio para atopar produtos e servizos xa existentes no mercado tecnolóxico galego, así como para consultar as capacidades dixitais dos distintos axentes do ecosistema TIC.
Deste modo, pretende converterse nun escaparate vivo, en continua actualización, que dará acceso, tanto a potenciais clientes como a posibles colaboradores ou socios, a información pormenorizada para fomentar contactos comerciais e estratéxicos de cara ao impulso de novos proxectos tecnolóxicos.
As empresas tecnolóxicas interesadas en formar parte deste directorio poden contactar co Clúster TIC Galicia a través do enderezo electrónico info@clusterticgalicia.com ou no teléfono 881 939 651.
Comments