O presidente do Cluster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, mantivo hoxe un encontro en A Coruña co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, acompañados de representantes de empresas socias para acelerar o proxecto da Cidade das TIC no que a Xunta comprometeu 4,82 millóns de euros.
Durante o acto, Rodríguez del Corral presentou ante os asistentes as distintas fases da posta en marcha do Centro de Servizos Avanzados, o gran centro demostrador para a transformación dixital da industria galega, que será a primeira infraestrutura da futura Cidade das TIC. Tras desgranar as actividades previstas nos primeiros seis meses de funcionamento desta infraestrutura, fixo fincapé en que se trata dun proxecto aberto a todo o tecido empresarial TIC, tanto galego como nacional e internacional.
Como subliñou o presidente do Clúster TIC, “trátase dunha infraestrutura que proporcionará medios tecnolóxicos para prototipar proxectos avanzados, facilitará o lanzamento dos mesmos e permitirá realizar demostracións continua de produtos TIC”.
A nova infraestrutura, emprazada nunha parcela da antiga Fábrica de Armas, contará cunha superficie total de 4.600 metros cadrados e acollerá catro laboratorios –Laboratorio Media Lab, Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, Laboratorio de Intelixencia Artificial e Laboratorio de Computación Cuántica- para a realización de probas. Tamén ofrecerá ás empresas do sector un espazo para levar a cabo demostracións, prototipos e lanzar proxectos TIC de calquer outra tecnoloxía que axude a transformación dixital das pemes.
Disporá ademais de espazos para aloxar empresas do sector e será un lugar de encontro entre clientes y provedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos.
Durante o acto, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou a relevancia do proxecto estrela da Cidade das TIC, que se converterá nun espazo de demostración e prototipado onde os empresarios industriais poderán comprobar de xeito real e directo a aplicación concreta das TICs avanzadas na industria.
O futuro parque empresarial das empresas tecnolóxicas ocupará os 135.919 metros cadrados da antiga Fábrica de Armas e contará cun aproveitamento urbanístico que rondará o medio millón de metros cadrados nos que se distribuirán edificacións de ata cinco alturas: naves individuais e compartidas, espazos de coworking da era postCovid, centros de demostración e colaboración de intelixencia artificial, creación de dispositivos intelixentes e demostración da transformación dixital... Tamén formarán parte desta infraestrutura fundamental para o desenrolo tecnolóxico de Galicia os centros universitarios e centros tecnolóxicos TIC. Completarase con zonas de servizo para a formación, o deporte e a restauración.
Comments