O Clúster TIC Galicia patrocinará o AI Song Contest, coñecido como a "Eurovisión" mundial da intelixencia artificial, que celebrará a súa edición 2023 na cidade da Coruña o vindeiro 4 de novembro. A edición deste ano, que tamén contará co apoio da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, e o Centro de Supercomputación de Galicia, leva por lema "Walking With AI" (O Camiño da IA), e celebra a diversidade de xeitos de traballar a intelixencia artificial na música no eido internacional, cos artistas no centro do proceso de composición.
Esta cuarta edición contará cunha cerimonia de inauguración, que terá lugar o venres 3 de novembro á noite, antes do grande día, no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso "AI & Creation Day" durante a mañá e tarde do sábado, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.
Expertos na materia tamén achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terán a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á lingua galega.
Despois da xornada divulgativa, os asistentes gozarán da espectacular Grande Final en Studio Follow, ubicado na Grela, cun programa de televisión en directo para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega estará moi presente. Rematarase cunha festa posterior no mesmo estudio. A primeira serie de entradas porase á venda a partir deste venres 7 de xullo ás 12:00 horas a través da plataforma Ticket Hoy.
Con este certame, A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA. Así, a organización tamén recoñece o título de anfitrión do equipo PAMP!, subcampión o ano pasado con "AI-Lalelo" e gañador da residencia artística do concurso en Sony CSL París, polo que terá a oportunidade de volver representar a Galicia, clasificada directamente á final.
Aberto o prazo de candidaturas
Ata o 4 de setembro, convídase a artistas, afeccionados da intelixencia artificial e outros perfís vencellados á innovación cultural de todo o mundo a presentar a súa composición co-creada con IA. Deste xeito, os organizadores agardan recibir composicións musicais de todos os xéneros, desenvoltas por equipos compostos por músicos, técnicos e enxeñeiros con axuda da intelixencia artificial.
O público e un xurado de profesionais da IA e da industria musical xulgarán non só a calidade das cancións, tamén a calidade e a innovación na interacción entre artistas e algoritmos. A competición deste ano tamén fai fincapé na responsabilidade dos creadores e a transparencia no uso da intelixencia artificial, polo que premiará os grupos que poidan demostrar principios éticos sólidos con respecto aos datos de adestramento e participación dos artistas.
Todos os detalles e actualizacións sobre o evento poden revisarse na páxina web oficial do AI Song Contest (www.aisongcontest.com) e nas redes sociais (@aisongcontest).
Sobre o AI Song Contest
AI Song Contest é un concurso internacional que mostra o potencial creativo da música xerada por IA. Está organizado por AI Song Contest Foundation. Dende a súa creación en 2020, AI Song Contest está na vangarda da IA e a música, fomentando a innovación e promovendo o diálogo entre artistas, científicos e o público. Os gañadores do ano pasado recibiron premios en metálico e a oportunidade dunha residencia artística dunha semana en Sony CSL París.
O evento, producido por Follow, conta co apoio de Afundación, Cidade das TIC, Amsterdam Music Lab, Infinite Album, DIHGIGAL, Balidea, Data Spartan e AGASOL. Ten o soporte do CITIUS, CITIC, Consello da Cultura Galega, AIHUB CSIC, Goldsmiths University of London, OdiseIA e Microsoft. Artificia, Parque Empresarial da Grela e Confederación de Empresarios da Coruña promocionan e Nós Televisión, Quincemil, Código Cero e GCiencia son medios colaboradores.
Comentarios