Unha representación dos equipos de talento de empresas socias do Clúster TIC Galicia asistiron onte a unha mesa de traballo convocada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, para estudar liñas de acción dirixidas a facilitar a cobertura de vacantes que demanda o sector TIC galego.
Durante a xornada, traballouse en como identificar e analizar as barreiras de acceso á man de obra, especialmente ao talento estranxeiro, informouse sobre a normativa de xestión colectiva de contratacións en orixe, así como sobre as vías e recursos xa en marcha por parte da administración autonómica para facilitar a incorporación ao mercado laboral galego de profesionais estranxeiros ou de persoas galegas residentes no exterior.
En paralelo, recolléronse as aportacións dos representantes das empresas asistentes. Estiveron, en representación do Clúster TIC Galicia, o presidente da entidade, Antonio Rodríguez del Corral, e as empresas socias Altia, Bahía Software, Cinfo, Imatia, Nunegal, Plexus e SG Tech.
Comments