O Clúster TIC Galicia organiza o evento “IA e Empresa” o venres 20 de outubro no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, ao que están convidadas as compañías tecnolóxicas que desexen acudir, previa solicitude de inscrición en info@clusterticgalicia.com e ata completar aforo.
A xornada comezará ás 12:15 h e afondará na intelixencia artificial e na big data aplicadas á empresa a través de diferentes relatorios de expertos TIC de renome internacional de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Teléfonica. A escolla desta temática non é casual; responde ao crecente peso que están a ter estas tecnoloxías no tecido empresarial e na sociedade en xeral, ademais de funcionar como antesala da próxima apertura da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) na cidade da Coruña.
O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, moderará a primeira charla, na que intervirán Alberto Pan e Daniel Lender, Chief Technology Officer e Chief Financial Officer de Denodo, respectivamente. Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos, explicarán como evolucionou a súa tecnoloxía dende a súa fundación no ano 1999, analizarán as tendencias do mercado e falarán sobre a súa experiencia con Silicon Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.
Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, será a seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalará os instrumentos precisos para o impulso da aprendizaxe permanente, que permitan capacitar a persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos, apoiando a innovación e a competitividade. David Pereira, EMEAL Lead - Data & Intellegence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, aportará a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións.
Posteriormente, Ravin Dhalani, Chief Information Officer no Grupo MásMóvil, afondará na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. Este enxeñeiro de telecomunicacións, cofundador de BQ, estivo á fronte de diferentes equipos multidisciplinares de alto rendemento e gran estabilidade, integrados por máis de 200 enxeñeiros de software, tanto en BQ como no Grupo MásMóvil.
A última participación da xornada será a cargo de Chema Alonso, membro do Comité Executivo e Chief Digital Officer de Telefónica, que abordará a estratexia global da multinacional no ámbito da IA. Neste cargo, lidera a Innovación, Data, Plataformas e Produtos e Servizos Dixitais, así como Telefónica Open Gateway, a iniciativa para abrir as redes da compañía para ofrecer capacidades telco a través de APIs globais e estandarizadas.
Punto de encontro entre clientes e provedores TIC
Este evento coincide coa apertura do Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, o primeiro edificio deste hub dixital que aspira a converterse nun espazo neurálxico de innovación tecnolóxica en Galicia. Con esta cita consolídase a función deste espazo, cunha capacidade aproximada de 5.000 m2 e cuxo obxectivo é converterse nun punto de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC, facilitando o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos.
Con motivo desta cita, porase en marcha, ademais, a infraestrutura de intelixencia artificial, desde a que se ofrecerán servizos específicos a empresas con servidores dedicados. No showroom do edificio, situado na planta inferior, poderase visitar tamén unha mostra da tecnoloxía que se está desenvolvendo actualmente en Galicia con información sobre empresas, produtos e demostracións específicas relacionadas coa intelixencia artificial, as tecnoloxías multimedia e os dispositivos electrónicos.
Comments