As formacións afondan en áreas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, o desenvolvemento de aplicacións ou a programación avanzada
Na edición de 2023 impartíronse 234 cursos e formáronse 5.369 alumnos, entre eles, empregados de 74 empresas socias
O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, vén de lanzar a terceira edición do seu plan formativo, gratuíto e en liña, para promover o talento tecnolóxico e mellorar as competencias e habilidades, tanto tecnolóxicas como transversais, de traballadores por conta allea, autónomos e desempregados.
Esta nova convocatoria contempla máis de 100 cursos, que se desenvolverán entre febreiro e xuño de 2024, relacionados con diferentes áreas TIC, como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, o desenvolvemento de aplicacións, a programación avanzada ou metodoloxías para a xestión de proxectos IT. Con todo, tamén hai unidades formativas transversais, como cursos de Excel ou inglés.
As formacións impártense en dúas modalidades, a través de plataformas de teleformación e aulas virtuais en directo, con profesorado experto en cada unha das materias. O obxectivo é incentivar a promoción profesional, reforzando as habilidades dos traballadores, así como recualificar á poboación activa en sectores estratéxicos para dar resposta ás necesidades actuais do mercado e á demanda das empresas.
Este é o terceiro ano consecutivo que se leva a cabo esta acción formativa, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Conta cun orzamento estimado dun millón de euros, financiados cos fondos europeos Next Generation EU e canalizados a través do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e da Xunta de Galicia.
Éxito de participación na pasada edición
No plan de 2023 impartíronse 234 cursos e formáronse 5.369 alumnos, entre eles, empregados de 74 empresas socias do Clúster TIC Galicia. En canto á situación laboral dos estudantes, a maioría, un 70 %, estaba traballando, mentres que o 30 % restante estaba rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).
No caso dos desempregados, detectouse unha maior participación nos bootcamps, ao tratarse de programas intensivos e de carácter práctico, orientados a proporcionar habilidades específicas nun campo determinado, o que melloraría as súas perspectivas de emprego e as súas posibilidades de inserción laboral.
Comments