O Clúster TIC Galicia lanza un novo plan formativo, gratuíto e en liña, para traballadores en activo e desempregados

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia lanza un novo plan formativo, gratuíto e en liña, para traballadores en activo e desempregados


  • As formacións buscan potenciar as competencias dixitais en ámbitos como a intelixencia artificial, ciberseguridade, cloud computing, big data ou desenvolvemento web
  • Na primeira edición, desenvolvida en 2022, impartíronse 247 cursos, nos que participaron traballadores de 84 empresas socias e se formaron 5.103 alumnos do sector TIC

O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, vén de lanzar un novo plan formativo, gratuíto e en liña, dirixido a traballadores por conta allea, autónomos e desempregados, co obxectivo de mellorar as súas competencias e habilidades dixitais en ámbitos como intelixencia artificial, ciberseguridade, cloud computing, big data, desenvolvemento e analítica web ou programación.

Esta convocatoria contempla preto de 90 cursos que se desenvolverán de marzo a novembro. Non obstante, a previsión é incrementar este número ao longo do ano, segundo a demanda de cada acción formativa, e coa perspectiva de chegar ao redor de 300 cursos en total.

A programación está enmarcada dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e conta cun orzamento estimado de 2,2 millóns de euros, do cal xa están aprobados 668.846 euros, financiados polos fondos Next Generation da Unión Europea e canalizados a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Xunta de Galicia.

Modalidades e obxectivos

As formacións impártense en dúas modalidades, a través de plataformas de teleformación (asíncrona) e por aula virtual en directo (síncrona), e están centradas no ámbito tecnolóxico aínda que tamén hai unidades formativas transversais. Con esta programación, o Clúster TIC Galicia pretende ofrecer unha formación upskilling, reforzando as habilidades que xa teñen os traballadores en activo, e reskilling, para a adquisición de novas competencias por parte do alumnado que actualmente está á procura de emprego.

O obxectivo é que os empregados asuman distintas responsabilidades e funcións ou opten a outros postos dentro da súa empresa e, no caso das persoas desempregadas, que poidan reciclarse profesionalmente, adaptándose a un mundo laboral cada vez máis cambiante, aumentando as súas posibilidades de atopar traballo.

Isto, ademais, pode redundar nun incremento da oferta de perfís tecnolóxicos no mercado, o que favorecería ao sector TIC galego, que precisa incorporar este tipo de profesionais para cubrir a demanda crecente das empresas.

As accións formativas de 2022, en cifras

No plan formativo de 2022 participaron profesionais de 84 empresas socias da entidade, tanto nas actividades en directo, como naquelas en modalidade de teleformación. Cabe destacar tamén que a cifra de mulleres inscritas foi lixeiramente superior á de homes, un 53 % fronte a un 47 %.

No caso da situación laboral do alumnado, o número de ocupados foi maior ao de desempregados, de xeito que un 62 % tiña traballo e o 38 % estaba rexistrado no SEPE.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies