O Clúster TIC Galicia, a través do seu Servizo de Emprego, vén de detectar 516 vacantes entre as súas empresas socias, o dobre que en 2023, cando se rexistraron 260. “Estes postos de traballo cubríronse, pero o sector segue a crecer, e agora identificamos máis demanda de persoal por parte das nosas asociadas”, sinala Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
Os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Amtega, sosteñen esta tendencia á alza na xeración de emprego no ámbito tecnolóxico. Segundo este organismo, no ano 2020 o sector TIC empregaba a 19.343 persoas en toda a comunidade; en 2023, esta cifra situábase en 22.932 persoas, isto é preto de 3.600 novos contratos, o que supón un incremento dun 18,5% en só 3 anos.
“As vacantes van cubríndose dun ano para outro, pero ao mesmo tempo, estanse a xerar novas ofertas laborais, demandando máis persoal”, apuntan dende o Servizo de Emprego do Clúster TIC. Este aumento tamén se percibe no volume de empresas tecnolóxicas, que pasou de 2.961 en 2020 a 3.140 en 2022, experimentando un crecemento do 6% en dous anos, segundo o OSIMGA.
Expertos máis demandados
Das 516 vacantes detectadas polo Clúster TIC Galicia, o 58% corresponde a expertos en desenvolvemento de software, principalmente backend, seguidos de front end e full stack. O 23% son postos para perfís do ámbito de sistemas (administradores, técnicos ou enxeñeiros de soporte, ciberseguridade, etc.) e o 19% restante distribúese entre xestores de proxectos, analistas de procesos, de datos ou de intelixencia artificial. Do cómputo total, preto do 80% (409) corresponde a perfís sénior -con máis de tres anos de experiencia profesional-, e un 20%, a perfís júnior.
Accións para aumentar os perfís profesionais
As empresas asociadas do Clúster TIC Galicia, a través dos seus departamentos de talento, aportan ideas e accións para a posta en marcha e dinamización de actividades orientadas á captación de talento para o tecido tecnolóxico galego.
Neste sentido, o Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, lanzou un programa de formación sectorial que capacitou a máis de 8.000 alumnos entre 2022 e 2024, a través do 350 cursos.
Ademais, impulsa o Campus Dual TIC, unha iniciativa para formar de maneira áxil e práctica aos perfís dixitais máis demandados polas empresas tecnolóxicas.
Cabe sinalar tamén o acordo pioneiro que firmou este ano a entidade co IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña, un modelo experimental de FP Dual Multiempresa, polo cal o alumnado do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma deste centro recibirá, ademais da formación académica, formación conxunta xestionada polo Clúster TIC Galicia, enfocada á realización de proxectos empresariais con carácter previo á súa incorporación a empresas colaboradoras, coa intención de mellorar a súa capacitación técnica e práctica.
Outra das actividades nas que participa activamente a entidade é o programa “Que non te líen. Ti elixes” da Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que busca favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres.
Con este obxectivo, mulleres profesionais de empresas socias do Clúster TIC Galicia impartiron diferentes charlas en 14 centros educativos o pasado curso escolar e este ano volverán a realizar estas sesións para promover as vocacións STEM entre o alumnado de 3º e 4º da ESO.
Comentarios