O Clúster TIC Galicia felicita a Senén Barro, director do CiTIUS, por recibir o premio Galego do Ano 2024 polo seu liderado no eido da investigación en IA

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia felicita a Senén Barro, director do CiTIUS, por recibir o premio Galego do Ano 2024 polo seu liderado no eido da investigación en IA


O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnologías Inteligentes (CiTIUS) e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro, vén de ser distinguido co premio Galego do Ano 2024 na categoría de Ciencia e Investigación, que outorga El Correo Gallego con carácter anual. Este galardón, que recollerá este xoves nunha gala que terá lugar na Cidade da Cultura, recoñece así o seu liderado no eido da investigación e transferencia de coñecemento en intelixencia artificial desde o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

"Senén Barro é un precursor da aplicación da intelixencia artificial a diferentes eidos antes da irrupción desta tecnoloxía na sociedade. Este premio é un recoñecemento á súa aposta pola IA cando aínda non estaba no foco mediático, pero tamén un aliciente para que as novas xeracións aposten polo sector TIC como motor de transformación social", sostén Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.

Divulgación científica

Senén Barro comezou a súa carreira académica coa defensa dunha tese doutoral no ano 1988 na que creou o primeiro sistema de monitorización de pacientes en UCI que empregaba intelixencia artificial. O exreitor da USC (2002-2010) e doutor en Física é ademais un gran impulsor da divulgación científica na sociedade para achegar a actividade investigadora ao estudantado, promovendo así a atracción de talento. 

Neste sentido, o CiTIUS dá a coñecer o seu traballo a través de diferentes eventos, como a recén celebrada Ciencia Singular, que tivo lugar o 23 de novembro, con visitas ás instalacións do centro, charlas, obradoiros e experimentos. Ademais, o catedrático organizou a prestixiosa European Conference on Artificial Intelligence (ECAI) do 19 ao 24 de outubro en Santiago de Compostela no seu 50 aniversario, logrando posicionar Galicia como capital mundial da IA.

Cinco galardoados

Senén Barro é un dos cinco galardoados como Galegos do Ano 2024 xunto ao chef Javier Olleros, na categoría de Economía e Emprendemento; a médica e triatleta Susana Rodríguez, en Cultura e Deportes; a poeta Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024, en Artes e Comunicación, e a farmacéutica e investigadora María Jesús Lamas, directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, na categoría de Política e Sociedade. Estes premios outórganse desde hai 32 anos dende El Correo Gallego "a quen destaca no desempeño dos seus labores profesionais e contribúen a proxectar o empuxe de Galicia dentro e fóra da comunidade autónoma", segundo apuntan dende o xornal.

Consello Empresarial e Social

O Clúster TIC Galicia forma parte do Consello Empresarial e Social do CiTIUS xunto con outras trece entidades do ámbito tecnolóxico co obxectivo de establecer novas fórmulas de colaboración en diferentes ámbitos (recursos humanos, formación e transferencia de tecnoloxía), identificar intereses comúns a explorar, así como desenvolver fórmulas de patrocinio e financiamento privado.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies