O Clúster TIC Galicia vén de dotar de competencias dixitais a 2.048 persoas dende o mes de maio a través do plan formativo centrado nas TIC, que impulsa en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta. Isto supón a execución de máis do 50% do orzamento achegado, que ascende a 1,8 millóns de euros, e cuxa inversión total se prevé efectuar antes do 30 de novembro deste ano.
Contempla preto de 80 cursos gratuítos dirixidos a traballadores, autónomos e desempregados, co obxectivo de cumprir coas súas aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal, así como mellorar as súas competencias e habilidades tecnolóxicas para dar resposta ás necesidades actuais do mercado.
A oferta formativa, que se imparte en tres modalidades (en liña, a través dunha aula virtual ou combinando ambas posibilidades), está centrada no ámbito tecnolóxico, con cursos sobre intelixencia artificial, big data, ciberseguridade, desenvolvemento e analítica web, programación, bases de datos, solucións open source, bootcamps, ademais de distintos niveis de idiomas e habilidades de xestión e vendas.
Aumento de perfís TIC
Con esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia pretende ofrecer unha formación upskilling, reforzando as habilidades que xa teñen os traballadores, e reskilling, para a adquisición de novas competencias por parte do alumnado. Desta forma, os empregados poden optar a outros postos ou roles dentro da súa empresa e no caso das persoas desempregadas, permite dotalas dun carácter máis técnico, aumentando as súas posibilidades de atopar traballo. Ademais, o programa formativo redundará nun aumento da oferta de perfís no mercado, punto crítico no sector TIC galego na actualidade.
Para a execución deste convenio, a entidade estase a apoiar no expertise de provedores formativos de primeiro nivel, con especial relevancia das súas empresas socias Femxa e Gdoce, que están a colaborar na xestión, organización e impartición das accións formativas incluídas no proxecto.
Este programa está enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, os fondos Next Generation da Unión Europea e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.
Comments