O Clúster TIC Galicia amosa o progreso das obras do Centro de Servizos Avanzados ás empresas adxudicatarias e aos socios da entidade

Óscar Santos Rodríguez,

O Clúster TIC Galicia amosa o progreso das obras do Centro de Servizos Avanzados ás empresas adxudicatarias e aos socios da entidade


As firmas con espazos asignados reuníronse tamén coa Dirección de Obra e a Sociedade do CSA para a planificación do equipamento neste edificio

Presentáronse para aprobación os informes de xestión e económico de 2021, así coma os orzamentos e as actividades previstas para este ano

Destaca o lanzamento, en colaboración coa Amtega, do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, previsto para os vindeiros meses

O Clúster TIC Galicia celebrou o 29 de xuño a súa Asemblea Xeral Ordinaria nas instalacións da Cidade das TIC cun programa específico no que as empresas adxudicatarias que se instalarán no Centro de Servizos Avanzados (CSA) e os socios da entidade puideron coñecer de preto o avance das obras de rehabilitación deste edificio, que prevé abrir as súas portas en febreiro de 2023.

O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o delegado da Xunta en A Coruña, Gonzalo Trenor, e Jesús Javier Celemín, concelleiro de Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, acompañaron durante a visita a Imatia, Cinfo, ITG, Xoia, Enxenio e Odeene -que se instalarán nas oficinas do CSA-, Tokiota, Dataspartan e Soslife7 -que estarán presentes no espazo de coworking-, e Itelsis, -que formará parte do Laboratorio de Dispositivos Intelixentes-, así como ao resto de asociados.

Na asemblea, que se puido seguir de forma presencial e en remoto, expuxéronse os últimos progresos e os vindeiros pasos a dar neste Centro Demostrador de Transformación Dixital con máis de 5.000 metros cadrados de capacidade. Entre eles, o comezo da obra e a planificación de equipamento de laboratorios e primeiro aprovisionamento deste edificio, que se definiu nunha reunión entre as empresas adxudicatarias coa Dirección de Obra e a Sociedade do CSA.

Tamén se fixo fincapé na vocación internacional do proxecto da Cidade das TIC, definíndoo como “un campus científico-empresarial clave para o desenvolvemento do sector”, no que ademais de albergar e atraer firmas tecnolóxicas, impartiranse graos e mestrados relacionados con este ámbito co obxectivo de atraer talento e investigadores altamente especializados cos que as empresas poidan colaborar.

O Clúster TIC sinalou que dende o ano 2020 traballa na dinamización doutra infraestrutura estratéxica de innovación para dar solucións tecnolóxicas e de dixitalización ao sector do turismo, Galicia TurisTIC. Este centro inaugurouse o pasado mes de maio en Vilagarcía de Arousa, e conta con tres laboratorios (IA, dispositivos intelixentes e realidade virtual e aumentada), ademais de áreas de formación, de demostración e de emprendemento para startups.

300 cursos e 7.000 prazas

Perante os socios presentáronse así mesmo o informe económico de xestión do 2021, o orzamento e a proposta de actividades deste ano para a súa aprobación. Entre elas, os plans formativos en materia tecnolóxica, con 300 cursos e 7.000 prazas, dirixidos a desempregados, autónomos e profesionais TIC, froito do convenio de colaboración firmado coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e que suporá unha inversión de 1,8 millóns de euros dos Fondos Next Generation.

Agárdase, ademais, lanzar proximamente e en colaboración coa Amtega, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, tamén coñecido como MapaTIC, que ten como obxectivo converterse nunha xanela online permanente na que calquera entidade interesada poida consultar os produtos, servizos e capacidades das entidades da oferta tecnolóxica de Galicia.

Por outra banda, prevese retomar ao longo dos próximos meses as actividades de internacionalización, paralizadas por mor da pandemia, con misións específicas con Colombia tras o encontro empresarial do sector TIC celebrado na súa capital, no que este país se postulou como posible socio estratéxico na Cidade das TIC.

Récord de altas 

Ao igual que no exercicio anterior, a entidade salientou o amplo incremento de socios rexistrado dende a última asemblea, celebrada o 17 de xuño de 2021, con 20 novas incorporacións, o que supón un novo récord de altas. Actualmente, o Clúster TIC Galicia conta con 132 asociados, entre grandes empresas (14), pemes (90), emprendedores (24), centros tecnolóxicos (2) e colexios e asociacións profesionais (2), que supoñen unha facturación conxunta de máis dun millón de euros e un total de 14.988 traballadores.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies