O Clúster TIC Galicia vén de recibir o texto do anteproxecto de Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, abrindo un período de alegacións para os socios que estean interesados en achegar os comentarios que estimen oportunos sobre o documento. O prazo para presentar as observacións remata o venres 26 de xullo, ás 13:00 horas, de xeito que o Clúster TIC Galicia poida revisar, agrupar e remitir de xeito conxunto todas as peticións nunha única alegación en tempo e forma.
O anteproxecto de Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia converterá á comunidade na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación única, sistemática e en liña cos valores e o marco normativo establecido polas institucións europeas. A súa redacción coincide coa publicación o pasado mes de xuño do Regulamento Europeo sobre IA, polo que se establecen normas harmonizadas en intelixencia artificial.
Este documento establecerá as medidas e principios éticos para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Entre os principios éticos reitores, destaca o principio de reserva da humanidade e de revisión humana, principio de fiabilidade e de responsabilidade e o principio de avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente. Garantirá, así mesmo, os dereitos de liberdade, igualdade e reacción fronte ao deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial, así como o exercicio dos dereitos da cidadanía.
Ademais, pretende introducir normas destinadas a:
Implementar sistemas de formación e capacitación en materia de IA en Galicia.
Coa tramitación desta lei, a Xunta avanza no seu compromiso de aprobar a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de alto impacto, de acordo co obxectivo da Estratexia Galicia Dixital 2030 de especialización tecnolóxica e atracción de investimentos e talento dixital.
Comments