"Intentamos axudar ao cliente de xeito global dentro da canle Internet"

"Intentamos axudar ao cliente de xeito global dentro da canle Internet"


A tecnoloxía é un factor decisivo para o crecemento dos negocios, sexa no sector que sexa. Esa é a perspectiva que orienta o traballo de Corunet dende a súa posta en marcha no ano 2000. Daniel Ramos Lobón, socio director, explica que, fronte a un mercado con baixas barreiras de entrada, a súa empresa aposta por traballar con clientes que cren no poder das TIC e, en particular, de Internet para triunfar nos mercados. Con esta entrevista péchase a primeira quenda de encontros cos socios do Cluster.

Que diferencia a Corunet da súa competencia?


Corunet é a día de hoxe unha empresa centrada en maximizar o beneficio doutras compañías aproveitando a tecnoloxía, especialmente a canle Internet. Estámonos a centrar en ofrecer solucións a organizacións nas que podemos achegar moito valor engadido. Outro dos aspectos a destacar da nosa empresa é a capacitación técnica, cohesión e compromiso do equipo humano. Ademais, dende o equipo directivo damos moita importancia a cumprir coa planificación dos traballos, e estamos certificados en calidade e seguridade da información.

En que punto do seu desenvolvemento se encontra a empresa?

Estamos nun período de consolidación e crecemento. Decidimos apostar por proxectos de desenvolvemento e consultaría con compañías que teñen moi claro que o investimento en tecnoloxía é importante. Iso achéganos proxectos estables que nos permiten planificar mellor as horas de produción.

Entón, non sofren a crise?

En canto a resultados a empresa dá beneficio e as previsións do 2012 son boas. A crise axudounos a amortizar, axustar gastos e a xestionar de forma máis efectiva. Intentamos dirixir a oferta a compañías que teñen no seu presuposto o investimento en tecnoloxía, que entenden que o investido proporcionará un retorno a curto e medio prazo. Obviamente, o ámbito tamén inflúe e nótase menos alegría nos investimentos.

Traballan fóra de Galicia? En que sectores?

No 2011 compatibilizamos clientes rexionais e ademais saímos de Galicia de xeito decidido. Estamos a facer traballos para empresas con sede central en Madrid e Barcelona principalmente. O sector non o consideramos fundamental, impórtanos moito a aposta tecnolóxica das empresas clientas. De todos os xeitos, estamos a traballar moito con automoción, retail e medios de comunicación.  

Como ve o mercado do desenvolvemento web?


O desenvolvemento web cambiou moito nos últimos tempos. Actualmente é moi sinxelo e barato dispoñer de tecnoloxías que permitan a unha empresa estar en Internet de xeito competitivo. Converteuse en commodity. É un mercado complicado, con baixas barreiras de entrada. En ocasións existe intrusismo, falta de profesionalidade e prezos por hora realmente ínfimos que só se póden permitir os que non apostan por ter estrutura profesionalizada.

Cal é a estratexia de Corunet fronte a esa realidade?

Seleccionamos organizacións que queiran dar un paso máis e que aposten realmente por mellorar os seus negocios grazas á Rede. Intentamos axudar o noso cliente de xeito global dentro da canle Internet. Falamos cos responsables da empresa, vemos cal é a súa idea, o seu potencial de investimento e, a partir de aí, deseñamos unha estratexia que inclúe desenvolvemento pero tamén medición mediante indicadores de avance e reconsideración continua.

E as APPS? Todo o mundo parece querer subir a ese carro...

É evidente que as melloras da tecnoloxía posibilitan novas oportunidades de negocio a diario. En esencia, o traballo é similar a calquera outro desenvolvemento de software que se empaqueta e se convérte en aplicación, que neste caso se servirá en dispositivos relativamente novos. A forma de abordar o desenvolvemento é igual pero cambian os modelos de negocio para a comercialización do software.

Pódese facer negocio coas redes sociais?

Sen dúbida. As redes sociais son imprescindibles para estar informado de xeito inmediato e para explicarlle a todo o mundo o que é e fai a empresa. Non obstante, a utilización das redes sociais por si soas, sen estar aliñadas co resto de estratexia da compañía, constitúe un esforzo estéril. Os medios sociais hoxe en día son imprescindibles e xeran oportunidades de maximizar valor para as organizacións.

Ten Corunet plans de internacionalización?

Estamos moi atentos. Polo de agora, as vendas que efectuamos no estranxeiro realizáronse de xeito reactivo. Pensamos que para que a empresa poida abordar mercados estranxeiros debe facer fronte a investimentos importantes, buscar socios locais e coñecer ben os mercados. Sen dúbida contemplámolo como unha opción a ter moi en conta.

Como ve a súa empresa de aquí a cinco ou dez anos?

No noso plan estratéxico a catro anos temos como obxectivo aumentar facturación e beneficios centrándonos en liñas de negocio enfocadas a produto, e baixar a porcentaxe de servizos. Vexo unha empresa moi competitiva cun grande equipo, organizada e traballando con tecnoloxías moi punteiras pero moi sinxelas para o cliente. O que é seguro é que seguiremos axudando aos nosos clientes a mellorar os seus procesos e maximizar o seu beneficio utilizando tecnoloxía.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies