Jesús Lage Fernández (Lugo 1972) é Licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión das Telecomunicacións pola Escola de Organización Industrial (EOI).
Desenvolveu a súa carreira profesional de máis de 17 anos integramente en empresas no eido do sector da Consultaría TIC e de negocio, traballando a meirande parte deles en Galicia, cunha paréntese de dous anos en Madrid.
Incorporouse a everis no ano 2006 para desenvolver o seu proxecto en Galicia, e desde entón desempeñou diferentes responsabilidades na oficina galega de everis até asumir hai dous anos a súa responsabilidade actual de Socio Director Xeral de everis en Galicia.
Adicionalmente ven traballando moi activamente, como representante de everis, nesta última etapa do Clúster TIC Galicia, onde desempeñou os cargos de Secretario e Vicepresidente, este último desde outubro de 2012 e renovado recentemente.
Qué destacaría da situación actual do Clúster e cal sería o principal obxectivo a acadar durante o seu mandato?
Penso sen dúbida que o Clúster, despois dun exitoso proceso de reformulación interna, está nun gran momento. Hai proxecto, hai ilusión, hai ideas, hai moito talento, e cada vez é mais palpable a firme convicción de que o sector TIC galego está chamado a desenvolver un papel relevante no futuro de Galicia. Neste contexto, o Clúster configurase claramente como un elemento imprescindible e inmellorable para acadar ese obxectivo. A RIS3 ou o programa Transforma TIC son claros exemplos da nosa situación e do que se agarda de nós.
En canto aos nosos obxectivos temos o reto de sumar, cohesionar e traballar conxuntamente para conseguir situar ao sector TIC galego na posición que se merece: cara ao resto de sectores da economía galega como un elemento de innovación e mellora competitiva, e mesmo de fixación de tecido industrial; e por outra banda, como sector económico de seu, incrementado o noso peso na economía do pais. Para elo temos que traballar simultaneamente na internacionalización das nosas empresas, na xeración de proxectos colaborativos, na innovación, e todo desde a especialización e a excelencia.
Coa responsabilidade acadada como membro do CODI, qué obxectivos se marca?
Ademais das responsabilidades que teño encomendadas como Vicepresidente de acordo aos novos estatutos do Clúster, como membro do CODI asumirei a responsabilidade de liderar a relación con oficinas internacionais, no marco da liña estratéxica de internacionalización. As empresas que actualmente pertencemos ao Clúster temos conxuntamente 142 oficinas fora de España, e estamos presentes en 80 cidades de 52 países diferentes. Isto supón unha inmellorable rede comercial que temos que poñer en valor para todas as empresas do Clúster.
O noso principal obxectivo é converter ese activo nun activo do Clúster e conseguir achegalo a todos os nosos socios, de tal xeito que todos os que poidan e teñan a vontade de agregar valor - cos seus produtos ou servizos- á oferta dos responsables de esas delegacións, que poidan facelo dun xeito efectivo.
Comments