O pasado 14 de novembro comezamos unha nova edición do programa "Que non te líen, ti elixes", posto en marcha pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, e no que colaboramos, para fomentar, desde as aulas, unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero.
Neste marco, dez mulleres profesionais, referentes no sector TIC galego, das nosas empresas socias (Aldaba, Codee, Cinfo, Ilux Visual Technologies, Inforhouse, Merlin Software, Nunegal, R, Possible e Teimas) ofreceron distintas charlas, baseándose na súa propia experiencia, e promovendo debates entre o alumnado de 3º e 4º da ESO de 16 centros educativos repartidos polas catro provincias galegas. En total foron 735 estudantes os participantes nas charlas.
O obxectivo de "Que non te líen, ti elixes" é derrubar os prexuízos e favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de ciclos formativos con menor presencia de mulleres, así como estimular o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.
Comentarios