Antonio Rodríguez del Corral resultou reelixido presidente do Clúster TIC de Galicia, en representación da empresa Cinfo, ao liderar a única candidatura presentada ás eleccións do organismo. Os comicios celebráronse onte durante unha Asemblea Extraordinaria na que tamén se escolleu o Comité de Dirección (CODI).
A continuidade nas liñas de actuación marcará a actividade do novo equipo que estará á fronte da asociación de empresas tecnolóxicas galegas durante este novo mandato de tres anos, o último de Antonio Rodríguez del Corral como presidente da asociación. Así, mantense o 80% dos dezaseis membros pertencentes ao CODI saínte, resultando electas no apartado de grandes empresas TIC: Altia, Bahía, Imatia, NTT Data, R Cable, Satec, Plexus e Serviguide, e no apartado de pequenas empresas TIC: APDTIC, Bimbio, CPEIG, DataSpartan, Dos Espacios, Itelsis, Librebit e Visual Publinet.
Con todo, tal e como reiterou Antonio Rodríguez del Corral “o Comité de Dirección está aberto á participación de todos os socios”, que poderán aportar as súas iniciativas ou opinións e participar nas diferentes áreas de traballo, de forma presencial ou telemática, coma na anterior etapa. “No CODI seguimos necesitando mans que se animen a liderar e supervisar proxectos, ben sexan membros electos ou non”, afirmou del Corral. Neste sentido, lembrou a “revitalización” neste ciclo dos grupos de traballo de Talento e formación, Internacionalización, Intelixencia artificial, Patrimonio dixital, Software de xestión e Comercio e turismo.
O pasado período concluíu coa inauguración en outubro do Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, un edificio aberto a todos os socios, non só aos que dispoñen de oficinas. Estes poden utilizar distintos espazos para xuntanzas e eventos, a zona de showroom e demostracións, así como facer uso dos tres laboratorios de innovación e outros servizos. En maio de 2022 tamén abriu as súas portas Galicia Turistic, un espazo demostrativo de tecnoloxía para a dixitalización do sector turístico. “Ambos son proxectos tractores do Clúster cun altísimo potencial”, apuntou o presidente.
Tamén se fixo un importante esforzo pola xeración de talento tecnolóxico adaptado aos perfís que demanda o sector coa aposta en marcha dun programa formativo, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en 2022 e 2023. A través deste convenio, o Clúster impartiu 266 cursos a máis de 5.350 alumnos. Este programa continuará en 2024 con novas formacións axustadas ás necesidades de talento das empresas socias.
Ademais, lanzouse a primeira edición do programa Tech Angels, unha iniciativa impulsada polo Clúster TIC co apoio da Amtega e o Igape para poñer en contacto a emprendedores e startups con socios da entidade para impulsar os seus negocios a través da incorporación de tecnoloxías complexas. A convocatoria pechouse o pasado 15 de decembro e actualmente atópase en proceso de revisión dos proxectos presentados, que se darán a coñecer no vindeiro mes de xaneiro.
Nesta nova etapa, Rodríguez del Corral e o seu novo equipo, avogan por aproveitar as liñas de traballo xa consolidadas para “darlle un novo pulo”, materializando un programa ambicioso centrado en afianzar o sector das TIC como referente en Galicia. “Cremos que neste novo ciclo podemos dispoñer dun Plan Industrial das TIC de Galicia, xa que somos un dos sectores clave para o futuro da comunidade”, sinalou o presidente do Clúster TIC Galicia, quen engadiu: “Somos un referente empresarial de consulta de órganos autonómicos para a toma de decisións relacionadas coas TIC, xeramos emprego de calidade e, con apoio, podemos xerar moitos máis postos de traballo”.
Para isto, potenciarase a colaboración público-privada a través de entidades como o laboratorio de ideas Impulsa Galicia, co que o Clúster TIC Galicia acordou traballar na identificación de oportunidades para promover proxectos innovadores na comunidade, ou o plan Stellae 5.0 para a universalización e a preservación do patrimonio cultural, especialmente o vinculado ao Camiño de Santiago, a través da súa dixitalización.
Actualmente, o Clúster TIC Galicia está conformado por 136 socios, entre grandes empresas (24), pequenas empresas (108) e centros tecnolóxicos, colexios e asociacións profesionais (4), que supoñen unha facturación conxunta de máis de mil millóns de euros e ao redor de 13.000 traballadores.
Comments