A Cidade das TIC inaugúrase o 20 de outubro coa apertura do Centro de Servizos Avanzados

Silvia Camesella,

A Cidade das TIC inaugúrase o 20 de outubro coa apertura do Centro de Servizos Avanzados


 A Cidade das TIC inaugúrase o venres 20 de outubro coa apertura do Centro de Servizos Avanzados (CSA), o primeiro edificio deste hub dixital que aspira a converterse nun espazo neurálxico de innovación tecnolóxica en Galicia.

O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, será o encargado de abrir o acto, presidido polo máximo responsable da Xunta, Alfonso Rueda. O evento contará, ademais, coa presenza de distintas autoridades e entidades promotoras do proxecto: o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

A inauguración do CSA comezará ás 9:30 h cunha visita libre ao edificio, cuxo obxectivo é converterse nun punto de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC, facilitando o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos. Con motivo desta cita, porase en marcha, ademais, a infraestrutura de intelixencia artificial, desde a que se ofrecerán servizos específicos a empresas con servidores dedicados.

5.000 m2 de innovación

O edificio ten unha capacidade aproximada de 5.000 m2, divididos en diferentes plantas. Nas oficinas, situadas no primeiro piso, estarán Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene. Na planta inferior haberá un showroom que funcionará como espazo versátil para o deseño e formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIC galego.

Durante a inauguración, nesta sala expoñerase unha mostra da tecnoloxía que se está desenvolvendo actualmente en Galicia con información sobre empresas, produtos e demostracións específicas relacionadas coa intelixencia artificial, as tecnoloxías multimedia e os dispositivos electrónicos.

O CSA contará tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de Unimedia e un de dispositivos intelixentes, así como un coworking, no que se situarán Tokiota, Dataspartan e Soslife7.

Evento TIC

Despois do percorrido oficial polo edificio e das intervencións institucionais, ás 12:15 h, terá lugar unha xornada sobre big data e intelixencia artificial (IA) aplicadas á empresa, na que participarán expertos TIC de renome internacional de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Teléfonica.

O evento TIC comezará cunha charla moderada por Antonio Rodríguez del Corral, con Alberto Pan e Daniel Lender, Chief Technology Officer e Chief  Financial Officer de Denodo, respectivamente. Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos, explicarán como evolucionou a súa tecnoloxía dende a súa fundación no ano 1999, analizarán as tendencias do mercado e falarán sobre a súa experiencia con Silicon Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.

Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, será a seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalará os instrumentos precisos para o impulso da aprendizaxe permanente, que permitan capacitar a persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos, apoiando a innovación e a competitividade.

David Pereira, Head of Data  & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, aportará a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións. Posteriormente, Ravin Dhalani, Chief Information Officer no Grupo MásMóvil, afondará na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. A última participación da xornada será a cargo de Chema Alonso, Chief Digital Officer de Telefónica, que abordará a estratexia global da multinacional no ámbito da IA.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies