"Gardas da memoria" xurdiu dunha tese doutoral ligada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Josefina Anllo, farmacéutica de profesión, quería desenvolver unha aplicación que abordase a deterioración cognitiva a través da detección precoz ou do exercicio e decidiu comezar este proxecto como alternativa ao manexo da lonxevidade.
No seu camiño cruzouse Node Hub, o programa de incubación impulsado por Incibe Emprende e o Clúster TIC Galicia, o que lle permitiu darlle unha nova perspectiva a esta idea. “’Gardas da Memoria’ emprega a terapia da reminiscencia, o patrimonio e a multisensorialidade para estimular e tonificar a memoria co obxectivo de atrasar a deterioración cognitiva”, explica Josefina Anllo.
Os contidos da app nútrense así do patrimonio natural e cultural de Galicia, mergullando ao usuario nun percorrido pola súa identidade con experiencias interxeracionais que activan os diferentes sentidos. "Tamén é un proxecto divulgativo con aplicación no turismo e o lecer", engade.
Anllo sinala que o seu proxecto diferénciase doutros similares en que tentou humanizar as tecnoloxías, converténdoas en aliadas, de forma que conforten á comunidade. “Creo que a innovación ten que ser humana”, agrega.
Despois de cinco meses intensos de traballo no programa Node Hub, Josefina céntrase agora en probar o prototipo nunha contorna interxeracional que lle permita contar cun asesoramento médico que o valide. “Despois tentarei sacalo ao mercado incorporando servizos en función da rendibilidade ou o financiamento que vaia adquirindo”, apunta.
Asesoramento continuo
Josefina Anllo asegura que o programa Node Hub achegoulle moito. En primeiro lugar, coñecer as diferentes etapas do desenvolvemento dun proxecto, priorizando os obxectivos. En segundo lugar, descubrir o amplo abanico de posibilidades que ofrece a tecnoloxía para desenvolver un produto punteiro con maiores coberturas e en terceiro lugar, contar co asesoramento continuo por parte dos mentores da incubadora.
“Foi un luxo ter á nosa disposición un equipo de especialistas para atender as nosas consultas e contar co respaldo do Clúster TIC Galicia e Incibe Emprende”, sinala.
Concluído o programa o pasado mes de setembro, os próximos pasos de Josefina pasan por obter financiamento e escalar o proxecto a outras rexións. “O meu obxectivo a longo prazo é incorporalo ao Sistema Nacional de Saúde e que os médicos poidan ‘receitalo’ aos usuarios que o necesiten. Introducilo en centros residenciais e centros de día, así como nos fogares”.
Con carácter paralelo, gustaríalle que ‘Gardas da Memoria’ tivese unha aplicación no ámbito turístico e educativo, de forma que servise para poñer en valor o patrimonio etnográfico de Galicia ou identificar endemismos en contornas naturais.
Comentarios