“Temos capacidade para desenvolver solucións innovadores e de referencia nos mercados máis competitivos”

“Temos capacidade para desenvolver solucións innovadores e de referencia nos mercados máis competitivos”


Fundada en 1999, Bahia Software baseou o seu crecemento en ofrecer solucións de primeiro nivel ao sector sanitario e as administracións públicas, nunha traxectoria avalada por importantes premios e recoñecementos. Martín Gómez, socio director, asegura que o desenvolvemento da empresa pasa por buscar novos mercados nos que poñer en valor o "coñecemento e experiencia" do equipo de Bahia.

Ter o foco no sector sanitario e as administracións públicas non supón un posicionamento arriscado nestes tempos de recortes drásticos nos presupostos públicos?


É certo que actualmente a administración pública non vive os seus mellores momentos, pero isto non é só unha situación particular da administración senón da maior parte dos sectores industriais ou de servizos, onde a competitividade é cada vez maior e temos que optimizar os nosos procesos e buscar novos modelos de negocio e de relación cos nosos clientes. A administración pública foi un cliente cun alto nivel de investimento en TIC e, aínda que este se reduza, cremos que podemos seguir achegando solucións que permitan axilizar e controlar os seus procedementos, onde a tecnoloxía constitúe un elemento clave. É por iso que nos motiva o reto de ofrecerlle á administración solucións que acheguen valor, e cun retorno do investimento o máis alto posible.  

En que punto se encontra o desenvolvemento da empresa e que previsións de evolución teñen a curto e medio prazo?

Nun ámbito de incerteza como o actual, é difícil establecer un nivel futuro de crecemento. O desenvolvemento da empresa pasa por buscar novos mercados onde poidamos poñer en valor o coñecemento e experiencia do noso equipo e como consecuencia, poder desenvolver novos proxectos que permitirán incrementar o noso volume de facturación e presencia en novos clientes.

Cales son actualmente os clientes máis destacados de
Bahia?

Os nosos clientes encóntranse fundamentalmente no ámbito público, sendo a saúde nosa maior especialización. Non obstante, dende o ano 2006 diversificamos noutros ámbitos de e-administración, como a modernización administrativa, o emprego, a educación ou o medio rural, por nomear algúns. Esta diversificación tamén se levou a cabo no ámbito xeográfico, e o negocio fóra de Galicia representou preto do 25 por cento da nosa facturación en 2011.

Teñen plans de internacionalización?


Como comentaba anteriormente, o desenvolvemento e crecemento futuro da empresa pasa por desenvolver novos mercados. Estamos en fases iniciais en Latinoamérica, onde o crecemento está a ser moi importante nos últimos anos e onde cremos que a nosa experiencia e a colaboración con partners locais poden ofrecer solucións e servizos moi competitivos. De feito, a semana pasada desprazámonos a Brasil para participar na Feira Hospitalar.

Bahia apostou pola obtención de certificacións de nivel internacional e entrou na recta final para obter o nivel de madureza 3 na acreditación CMMI-DEV. Como vai este proceso?

Efectivamente, realizamos recentemente a avaliación final no nivel de madureza 3 de todo o noso equipo de desenvolvemento. Estamos á espera de de que o SEI confirme o resultado, que esperamos sexa positivo. Dende logo, o investimento en calidade supón un esforzo económico e do equipo humano, pero dispoñer de certificacións como ISO 20.000 ou CMMI nivel 3 ofrece aos nosos clientes ou potenciais clientes a confianza de que a nosa metodoloxía de traballo está avalada por normas internacionais, cousa que é moi valorada polas grandes organizacións para a externalización de servizos. 

Que posición ten a súa empresa respecto ao software libre?

A nosa aposta polo software libre foi clara nos últimos anos, e obtivemos excelentes resultados en proxectos de migración dende ámbitos privativos, aforrando custos e dando máis control dos seus recursos ao cliente. Froito desta aposta é a firma como partners de Pentaho Solutions, o pasado mes de abril, ferramenta de negocio intelligence coa que achegamos valor na análise de datos e cuns custos moi competitivos.

Un dos produtos da carteira de
Bahia son as solucións empresariais TIC en mobilidade. Que punto ata cambiará esta a forma de traballar das empresas?

A mobilidade xa cambiou a forma de comunicarse das persoas e por suposto que as empresas nos vemos inmersas nese proceso. Cífraas de accesos vía terminais intelixentes é cada vez maior e, como consecuencia, o volume de facturación en aplicacións móbiles crece de xeito imparable. O desenvolvemento de solucións móbiles permitiu aos nosos clientes implementar novos servizos ou novos modelos de traballo nas súas organizacións, mediante o geoposicionamiento e o acceso á información en calquera lugar. E aí, nese novo xeito de facer as cousas, é onde está a tecnoloxía como elemento dinamizador da optimización dos procesos.

Dende a súa ampla experiencia de traballo para o sector sanitario, que cre que poden achegar as TIC á sostibilidade do sistema público de saúde no actual escenario de crise?


Como todos sabemos, a sanidade está nun punto de saturación polo continuo envellecemento da poboación e pola demanda cada vez máis alta dos cidadáns dun servizo asistencial de calidade. Dende logo, arranxar isto non só conséguese coas TIC, pero si que constitúen un elemento disruptor para ofrecer solucións que permitan aos profesionais da saúde desenvolver o seu traballo de forma máis eficiente, de modo que sexa máis sinxelo diagnosticar determinadas patoloxías, tomar decisións máis áxiles e precisas ao dispoñer de máis información, seguir a evolución de pacientes crónicos a distancia... En definitiva, mellorar a calidade asistencial optimizando os recursos dispoñibles.  

BayDicomMedia, a solución de imaxe médica dixital desenvolvida por
Bahia, recibiu importantes premios nos ámbitos autonómico e nacional. Cales son as claves deste éxito?

O desenvolvemento de calquera solución, neste caso médica, implica unha aposta decidida polo que entendemos que o mercado demanda. Non obstante, isto só é o punto de partida, porque a clave do éxito radica no equipo humano que desenvolve a solución, en poñer en valor o know-how que a compañía acumulou ao longo dos anos no sector saúde e que permite que un produto sexa diferenciador respecto a outros. Por isto estamos moi satisfeitos cos recoñecementos obtidos e coa decisión adoptada por clientes en todo o territorio nacional, cun peso moi importante da sanidade catalá, de implantar esta solución, que facilita a integración da imaxe médica nos seus centros e a interoperabilidade con outros centros externos. Ademais, recentemente o Servizo Galego de Saúde adxudicou a Bahia un concurso público con esta solución, cuxo despregamento nunha comunidade autonómica máis supón unha excelente noticia.

Os premios serven realmente para abrir portas importantes ás empresas?


Un recoñecemento como o da plataforma e-Via, á mellor aplicación de sanidade para unha peme española, que obtivemos con BayDiconMedia, nos dá unha visibilidade nacional e un prestixio no ámbito tecnolóxico que nos anima a seguir apostando pola innovación e o desenvolvemento e, sobre todo, a crer que as empresas galegas temos a experiencia, o coñecemento e a capacidade para desenvolver solucións innovadoras e de referencia en mercados tan competitivos como o da saúde.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies