“O noso mérito é escoitar e aprender das esixencias do cliente”

“O noso mérito é escoitar e aprender das esixencias do cliente”


Cunha facturación de 16 millóns de euros anuais, preto de 300 empregados e negocio en toda España, Plexus é un dos grandes no sector TIC galego. O seu catálogo abrangue dende consultoría e servizos ata o desenvolvemento de aplicacións, sistemas de información e provisión de infraestrutura informática para un gran número de sectores. Antonio Agrasar, conselleiro delegado da compañía e membro do Comité Estratéxico do Cluster, asegura que gañar a confianza dos clientes é a clave para crecer.

Plexus apostou pola diversificación fronte á especialización?


Plexus madurou, enriqueceu o seu catálogo de produtos e creceu nos mercados, fundamentalmente no privado. Os nosos resultados non parten dunha disxuntiva entre diversificación e especialización, senón dunha combinación equilibrada de ambos os dous factores. E dun entendemento do mercado e das súas demandas, de alianzas baseadas na confianza das multinacionais nos nosos resultados. Dedicándonos a varias actividade podemos ofrecer aos nosos clientes produtos e servizos de calidade, sendo capaces de xestionar escenarios distintos, acertando na planificación e na estratexia, avaliando o risco, e sendo eficientes.

A compañía facturaba 5,5 millóns en 2007 e en 2011 alcanzou os 16 millóns. Poderá manter ese ritmo de crecemento tan forte?


Crecemos e seguímolo facendo co sector TIC, coa súa implantación social e coa súa crecente repercusión nos sistemas produtivos. Non hai unha fórmula exacta que xustifique ningún éxito, pero os nosos resultados baséanse en factores como a consolidación dun catálogo de produtos contrastados; un esforzo comercial singular coa expansión ás principais comunidades españolas e a apertura de mercados exteriores, fundamentalmente en América Latina; a alianza coas máis esixentes multinacionais; o reinvestimento dos nosos beneficios, e moito esforzo por parte dun equipo cada vez máis formado. Iso axudounos a superar as dificultades propias de calquera evolución e un contexto económico non moi positivo.

Que peso relativo na carteira de clientes teñen por un lado as empresas privadas e, por outro, as administracións públicas?

É variable. En Plexus sentimos un profundo respecto polas administracións públicas e presentámonos a centos de concursos cun singular esforzo administrativo pola nosa parte. Obtemos unha porcentaxe de resultados positivos que, aínda que o consideramos baixo, non o é se consideramos os méritos da dura e numerosa competencia. En xeral, o sector privado é máis fiel nas súas contratacións e, aínda que captar un cliente resulte difícil, unha vez que o consegues, se te ganas a súa confianza, é posible continuar os traballos ao longo dun tempo prolongado. O importante, en ambos os dous casos, é servir con eficacia aos clientes e saber aproveitar a oportunidade para desenvolver novos produtos e servizos.

PSA e Acciona son exemplos de compañías multinacionais que son clientas de Plexus. Traballar con empresas desta dimensión non está ao alcance de todo o mundo. Que fai falta para conseguilo?

Pola miña banda, podo dicirlle que primeiro hai que construír a oportunidade, mediante oferta, produtos, servizos, etcétera, e despois responder con eficacia, en tempo e forma, cuns resultados que cubran as súas expectativas. Plexus é unha boa aliada das grandes empresas, das máis relevantes multinacionais, e podo asegurarlle que as que confían en nós volven facelo unha e outra vez, o que fala a favor da nosa capacidade e eficacia. A elas e aos seus responsables debémoslles boa parte da nosa experiencia e evolución, este é o noso gran mérito: escoitalos e aprender das súas esixencias.

Con oito oficinas en Galicia e outras oito noutras tantas comunidades autónomas, pode dicirse que a expansión de Plexus en España está concluída?

Intentaremos seguir crecendo na medida na que o esixa o mercado. Farémolo como ata agora, con iniciativas propias, pola demanda ou buscando os aliados precisos en cada lugar e para cada proxecto.

Como se desenvolveu esa implantación da compañía no conxunto do territorio nacional?


Co esforzo dos accionistas e traballadores. Faleille dun constante reinvestimento dos beneficios, de aliados locais, de incorporación de novos recursos profesionais, e da confianza que a nosa bo facer e a seriedade dos nosos proxectos ofrécenlle ás entidades financeiras; creo que eses son os ingredientes para poñer un proxecto en marcha e despois para consolidalo. A de PLEXUS foi unha implantación ao longo do tempo, en consonancia coa demanda e sobre a base da reflexión de cada paso.  

Que peso relativo teñen as vendas en Galicia e no resto de España?

As vendas nacionais e internacionais comezan a superar as galegas. É natural que se produza esta evolución, dado o tamaño dos mercados e o noso máis amplo esforzo comercial no exterior.
Antes mencionou América Latina, como se está a desenvolver a internacionalización de Plexus?
As nosas primeiras vendas producíronse en Panamá, iniciamos recentemente actividades en México, onde xa temos un director comercial e estamos a sondar mercados como Colombia, Perú, Brasil e Uruguai, ademais doutras iniciativas máis próximas como Portugal, Francia, Reino Unido e Italia. O catálogo de produtos, fundamentalmente os destinados a sanidade, xestión e publicidade, están a resultar as pezas fundamentais da estratexia de internacionalización.

Que desenvolvementos innovadores da súa compañía destacaría? Cre que o rexistro de patentes é fundamental para consolidar a actividade innovadora?


A capacidade de investigar, a de responder a unha necesidade do mercado que outros non detectaron ou non souberon resolver con igual eficacia, a de fabricar produtos que se autofinancian, é parte do esforzo diario dos técnicos e comerciais de Plexus. Nestes últimos anos conseguimos éxitos relevantes en ámbitos como a atención ao desempregado, para o que creamos un sistema propio de atención e xestión da oferta pública de emprego; no sanitario, co desenvolvemento de plataformas de acceso a información en quirófano, prescrición asistida e circulación de pacientes; en comunicación; en turismo ou en educación, co Proxecto ABALAR. Tamén desenvolvemos produtos propios como puntos de información multimedia, sistemas de xestión de citas, sistema de cartelaría dixital, ou armarios de carga para ordenadores portátiles, entre outros. Respecto ás patentes, creo que resultan imprescindibles para defender todo esforzo de desenvolvemento e investigación de produtos.    

Plexus recibiu o selo de calidade Escuela 2.0 do Ministerio de Educación. Cre que os recortes presupostarios poden cortar o desenvolvemento destas iniciativas orientadas á mellora da calidade da educación mediante o emprego das TIC?

Para nós é un recoñecemento extraordinario que a nosa empresa e produtos conten co aval do recoñecemento de calidade, sexan as máis esixentes ISO ou o Selo Escola 2.0 do Ministerio. Evidentemente, interésanos a capacidade investidora das entidades educativas en novas tecnoloxías, por canto poida repercutir no noso negocio, e polo que representan para a correcta educación dos novas xeracións. Plexus é unha empresa comprometida e solidaria. Pode que os nosos produtos cheguen a venderse noutros países, pero aínda así seguiremos sendo especialmente sensibles cara ao máis próximo, moi especialmente con todo o que represente axudar a que as novas xeracións de galegos poidan desenvolver as súas capacidades profesionais en Galicia.

Hai xusto un ano, a súa empresa tamén recibiu o premio internacional NewVAR 2011, promovido por Aruba Networks. Que importancia lle concede?


Nese caso é un recoñecemento de alcance internacional, propiciado por unha multinacional extremadamente esixente en beneficio dos seus clientes, que supuxo un estímulo para toda a organización de Plexus e un novo compromiso de esixencia para manterse entre os mellores.  

Cal será a súa achega ao Comité Estratéxico do Cluster TIC Galicia, ao que se incorporou recentemente como representante de Plexus?

Confío en que o Cluster TIC continúe sendo un elemento fundamental na consolidación intelixente da Sociedade da Información e da industria de nova xeración da nosa terra e que poida axudar á proxección dos nosos produtos cara ao mundo, o que nos permitirá seguir creando riqueza e emprego en Galicia. Considero que a que a creación e posta en marcha da nova Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dirixida con eficacia por Mar Pereira, debería representar un elemento vertebrador da xestión das TIC e unha singular oportunidade para a racionalización dos recursos e medios tecnolóxicos da administración pública. Dende o Cluster debemos perfilar liñas eficientes de colaboración entre o público e o privado para que Galicia participe en tempo real dun negocio de alcance internacional, entendendo o mercado, experimentando co apoio público produtos precompetitivos, participando dos programas europeos como FEDER INTERCONECTA, e defendendo un posicionamento que haberá de ser ambicioso e esixente. Xuntos poderemos chegar máis lonxe e facelo cada día un pouco mellor e isto haberá de repercutir moi positivamente sobre a economía e o mercado de traballo na nosa Comunidade.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies