O récord de investidores e a alta calidade dos proxectos consolidan Vindeira Capital Network

O récord de investidores e a alta calidade dos proxectos consolidan Vindeira Capital Network


Organizado polo Clúster TIC e na súa cuarta edición, o evento puxo de manifesto o alto potencial que existe en Galicia para desenvolver negocios de base tecnolóxica

O Clúster TIC Galicia fai unha valoración moi positiva da cuarta edición de Vindeira Capital Network, que se celebrou os días 21 e 22 de novembro en Santiago de Compostela e na que se alcanzou unha marca de participantes, cun total de 35 investidores, entre entidades públicas e privadas de Galicia e o conxunto de España.   

Os investidores participantes realizaron unha alta valoración dos quince proxectos presentados, once deles correspondentes á área das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións  e os catro restantes, á Biotecnoloxía. Deste xeito, na súa cuarta edición Vindeira Capital Network consolidou a súa posición como foro de investimento de referencia no sector TIC, demostrando o potencial que existe en Galicia para pór en marcha negocios de base tecnolóxica, un potencial que aínda non é suficientemente coñecido desde fóra da Comunidade Autónoma.   

O Clúster TIC comparte as palabras pronunciadas por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no acto de clausura do evento, en referencia a que a Comunidade Autónoma conta con "as bases para abordar grandes proxectos tecnolóxicos, nos que necesitamos non só ás grandes multinacionais, senón tamén ás pemes TIC e a startups que sumen as súas iniciativas innovadoras e proxectos transformadores".    


Valoración dos patrocinadores:   

Xesgalicia, que estivo representado en VCN13 polo seu director xeral, Juan Cividanes, calificou o desenvolvemento do evento como "moi positivo en todos os sentidos" e destacou a "notable cualificación dos proxectos presentados".   

Novagalicia Banco mostrou a súa satisfacción polo éxito de VCN13 e reiterou a súa aposta pola innovación e o emprendemento en Galicia, no marco do seu compromiso coa dinamización do tecido produtivo galego. "Iniciativas como a de Vindeira contribúen a superar a barreira do financiamento e axudan a que cristalicen ideas innovadoras e startups, achegando un valor engadido á contorna empresarial galega", destacou o director do Gabinete de Presidencia de Novagalicia, Santiago Novoa.   

O Concello de Santiago de Compostela estivo representado na presentación e clausura de VCN13 pola concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis Rodríguez, quen destacou a importancia de desenvolver eventos que acheguen o financiamento aos proxectos emprendedores e felicitouse porque VCN13 tivese como sede a capital de Galicia.

Valoración de inversores:  

Armando Guerra, de Ambar Venture Capital, sinalou que eventos como VCN13 ofrecen aos investidores unha oportunidade para ter "unha primeira toma de contacto importante" que lles permite coñecer os proxectos, aos propios emprendedores e as necesidades de investimento que estes teñen para lanzar ou impulsar o desenvolvemento das súas ideas de negocio.     

Valoración de emprendedores:

Alberto Camba, un dos impulsores de Neteleven, asegura estar "moi contento" do desenvolvemento de Vindeira Capital Network nas súas diferentes fases. Este emprendedor valora especialmente a achega da etapa formativa (Vindeira Venture Academy) á que, segundo confesa, acudíu con certas doses de excepticismo inicial, pero que finalmente lle supuxo unha importante axuda para"entender os intereses dos inversores e mellorar o enfoque do noso produto", segundo indica. Camba explica que, tras o foro de investimento, Neteleven está xa en contacto con dous inversores interesados na startup, e non dubida á hora de indicar que recomendaría aos emprendedores con ideas de negocio de base tecnolóxica que participasen na próxima edición de Vindeira Capital Network. 

José Higinio García asegura que o seu proxecto, Kiply, mellorou "como da noite ao día" tras pasar pola fase formativa de VCN13, na que traballou especialmente as habilidades de comunicación, axudado por un mentor. Do encontro con inversores destaca a "variedade de perfís" que se deron cita no evento, o que ao seu xuízo outorgou oportunidades a todos os proxectos que se presentaron. No seu caso, asegura facer o tipo de contactos que pretendía, aínda que recoñece que as negociacións cos investidores contactados están aínda nunha fase incipiente.   

Proxectos participantes no foro de investimento de VCN13

  • Do ámbito das TIC
    • Cilenis. Ofrece solucións e produtos baseados na investigación do procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística. Desenvolve software con filosofía de código aberto para ofrecer solucións avanzadas que melloran o acceso, tratamento e organización do coñecemento.
    • Creappcuentos. Desenvolveu unha aplicación para Android e IOS que permite a creación de contos ou historias dixitais de forma sinxela e intuitiva, logrando que nenos e pais interactúen e estimjulen a súa creatividade e a imaxinación usando unha ferramenta visual e intuitiva.
    • Escompring. Puxo en marcha unha plataforma na que produtores e consumidores poden comerciar de maneira directa, sen intermediarios nin gastos de intermediación. Deste xeito, o produtor dispón dunha tenda online sen ter que realizar ningún investimento e o consumidor pode comprar a prezos de orixe.
    • Kiply. Solución que permite recoller de forma automática información útil e detallada daqueles traballadores que interactúan habitualmente con dispositivos electrónicos. Simplemente é necesario instalar un pequeno paquete de software nos seus dispositivos e comezarase a recompilar información totalmente confidencial acerca do seu "eu profesional".
    • Neteleven. Desenvolve software para a obtención de datos estatísticos avanzados de eventos deportivos en tempo real, con aplicacións específicas para clubs e equipos profesionais, medios de comunicación e casas de apostas.
    • OSM Lab. Aplica a tecnoloxía á Biomecánica Clínica. Implanta laboratorios para a valoración do dano corporal, a valoración científica dos problemas músculo-esqueléticos e da ergonomía, a avaliación postural e a análise de cargas.
    • Signedoc. Propón ás empresas un servizo para xestionar e asinar os seus contratos, pedidos, facturas, e outros documentos, axilizando a súa forma de enviar e recibir documentación asinada de maneira electrónica.  A través da web úsanse certificados electrónicos para asinar a documentación, e a través do dispositivo móbil asínase e a aplicación almacena os trazos biométricos que identifican ao asinante.
    • Sinaturas. Desenvolve e comercializa unha solución software para a emisión e xestión de títulos formativos a través de medios dixitais, o que permite obter importantes reducións de custos.
    • Torus. Traballa en servizos de computación e comunicacións orientados aos sectores das Finanzas, Telecomunicacións, Tecnoloxías da Información, Enerxía, Defensa e Industria Aeroespacial.
    • Gamifik: Tecnoloxía que permite aos negocios retail crear un sistema de fidelización gamificado, móbil e propio.
    • Tiivii: Novas canles de televisión á carta con contidos personalizados segundo gustos e intereses do usuario.
  • Do ámbito da Biotecnoloxía
    • Software for Science Developments (AFFINImeter). Pataforma computacional para a análise de medidas de afinidade, agregación e disociación molecular.
    • MD.USe! Aplica a supercomputación a sistemas biolóxicos e deseño de materiais, para realizar os experimentos do futuro.
    • DART. Desenvolvemento de cámaras de ionización líquida para control de calidade en radioterapia.
    • Bialactis. Empresa biotecnolóxica baseada na investigación, produción e comercialización de ingredientes funcionais innovadores, especialmente probióticos.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies