O Cluster TIC Galicia tomou parte onte na xornada inaugural da Mostra do Ensino Galicia 2012 coa participación do seu presidente, Gerardo Crespo Riestra, no congreso Formación e competencias na nova sociedade. No marco deste congreso, que é unha das actividades que integran a Mostra, Crespo interveu nunha mesa redonda titulada Aprender a emprender. Xeración de valores para un novo modelo económico.
Na súa intervención, o presidente do Cluster contou as experiencias que o levaron a se converter nun empresario, e defendeu que a “cultura do esforzo” e o “espírito emprendedor” son elementos imprescindibles para conseguir saír da actual crise económica e crear unha sociedade próspera. Crespo lamentou, non obstante, que eses valores non reciban o suficiente pulo desde o sistema educativo, e sinalou que cómpre facer un bo uso das novas tecnoloxías para que teñan un efecto positivo no seu fomento.
O presidente do Cluster definiu o espírito emprendedor como un “dinamismo cara a mellora”, asegurando que é un “concepto multidimensional” que encerra valores como a creatividade, a disposición ao cambio e a innovación, o liderado, a aceptación do fracaso como fonte de aprendizaxe e o traballo en equipo. É contrario, engadiu, “ao acomodamento e a rutina”.
Gerardo Crespo compartiu a mesa redonda con Patricia García González, presidenta de AJE Galicia e socia conselleira de Grupo Femxa (empresa membro do Cluster); Fernando Vázquez Núñez, profesor universitario e director xeral de Imatia (firma integrada tamén no Cluster), e José Ramón García González, presidente executivo de Grupo Blusens.
Patricia González lamentou o feito de que só o 12% dos estudantes universitarios españois queiran ser empresarios, fronte a un 73% en Estados Unidos, e destacou o papel da educación para desterrar as connotacións negativas que a figura do patrón aínda ten en España.
Pola súa banda, Fernando Vázquez dixo que os empresarios poden contribuír a crear un mundo mellor e defendeu que o obxectivo do emprendedor non debe ser “converterse en Facebook”, senón “ser feliz” e realizarse a través do seu traballo.
José Ramón García dixo que ser emprendedor é unha vocación e asegurou que o gran problema é a falta de financiamento. Neste sentido criticou duramente aos fondos de capital risco que, afirmou, non fan honor ao seu nome xa que só apostan por proxectos consolidados.
Organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o obxectivo da Mostra do Ensino Galicia 2012 é presentar á comunidade educativa e á sociedade en xeral os cambios que se están a promover no sistema educativo da comunidade autónoma.
Este evento desenvólvese en A Coruña do 11 ao 14 de abril, no recinto feiral ExpoCoruña. Conta con zonas de exposición dedicadas á práctica totalidade das disciplinas académicas e sectores de actividade, inclulindo os relacionados coas tecnoloxías da información e das comunicacións. En paralelo á actividade feiral, desenvolverase o congreso Formación e competencias na nova sociedade.
Comentarios