O presidente do Cluster defende o “espírito emprendedor” e a “cultura do esforzo” na Mostra do Ensino Galicia 2012

O presidente do Cluster defende o “espírito emprendedor” e a “cultura do esforzo” na Mostra do Ensino Galicia 2012


O Cluster TIC Galicia tomou parte onte na xornada inaugural da Mostra do Ensino Galicia 2012 coa participación do seu presidente, Gerardo Crespo Riestra, no congreso  Formación e competencias na nova sociedade. No marco deste congreso, que é unha das actividades que integran a Mostra, Crespo interveu nunha mesa redonda titulada Aprender a emprender. Xeración de valores para un novo modelo económico.

Na súa intervención, o presidente do Cluster contou as experiencias que o levaron a se converter nun empresario, e defendeu que a “cultura do esforzo” e o “espírito emprendedor” son elementos imprescindibles para conseguir saír da actual crise económica e crear unha sociedade próspera. Crespo lamentou, non obstante, que eses valores non reciban o suficiente pulo desde o sistema educativo, e sinalou que cómpre facer un bo uso das novas tecnoloxías para que teñan un efecto positivo no seu fomento.

O presidente do Cluster definiu o espírito emprendedor como un “dinamismo cara a mellora”, asegurando que é un “concepto multidimensional” que encerra valores como a creatividade, a disposición ao cambio e a innovación, o liderado, a aceptación do fracaso como fonte de aprendizaxe e o traballo en equipo. É contrario, engadiu, “ao acomodamento e a rutina”.


Debate

Gerardo Crespo compartiu a mesa redonda con Patricia García González, presidenta de AJE Galicia e socia conselleira de Grupo Femxa (empresa membro do Cluster); Fernando Vázquez Núñez, profesor universitario e director xeral de Imatia (firma integrada tamén no Cluster), e José Ramón García González, presidente executivo de Grupo Blusens.

Patricia González lamentou o feito de que só o 12% dos estudantes universitarios españois queiran ser empresarios, fronte a un 73% en Estados Unidos, e destacou o papel da educación para desterrar as connotacións negativas que a figura do patrón aínda ten en España.

Pola súa banda, Fernando Vázquez dixo que os empresarios poden contribuír a crear un mundo mellor e defendeu que o obxectivo do emprendedor non debe ser “converterse en Facebook”, senón “ser feliz” e realizarse a través do seu traballo.

José Ramón García dixo que ser emprendedor é unha vocación e asegurou que o gran problema é a falta de financiamento. Neste sentido criticou duramente aos fondos de capital risco que, afirmou, non fan honor ao seu nome xa que só apostan por proxectos consolidados.


Comunidade educativa e sociedade

Organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o obxectivo da Mostra do Ensino Galicia 2012 é presentar á comunidade educativa e á sociedade en xeral os cambios que se están a promover no sistema educativo da comunidade autónoma.

Este evento desenvólvese en A Coruña do 11 ao 14 de abril, no recinto feiral ExpoCoruña. Conta con zonas de exposición dedicadas á práctica totalidade das disciplinas académicas e sectores de actividade, inclulindo os relacionados coas tecnoloxías da información e das comunicacións. En paralelo á actividade feiral, desenvolverase o congreso Formación e competencias na nova sociedade.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies