Despois de dous anos de proceso de implantación en Panamá, a empresa socia Grupo Arcade Inforhouse comeza a recoller os froitos do seu arriscado investimento. Nunha entrevista ao Correo Gallego, o seu director xeral, Vidal Díaz Cotón, explica o proceso de internacionalización desta firma compostelá e o recente contrato asinado con Claro Panamá:
“A recente firma do acordo de 1,1 millóns de dólares co operador de telecomunicacións Claro Panamá, empresa pertencente a América Móbil, cuarto operador mundial, é un dos froitos máis relevantes da filial panameña do Grupo Arcade Inforhouse no proceso de internacionalización que esta empresa compostelá iniciou hai pouco máis de 2 anos.
Arcade Inforhouse, grupo empresarial de capital 100% galego, veu consolidándose desde a integración en 2005 das dúas compañías que lle dan nome, cada unha delas con ampla experiencia ás súas costas, a través da diversificación de mercados (orientación cara ao sector privado e sector público) e solucións TI, e baseándose na disposición de recursos técnicos e humanos especializados. Na actualidade, cunha carteira de máis de 2.000 clientes vivos tras a incorporación de áreas de negocio doutras empresas galegas, ofrece solucións globais TI na nosa comunidade como unha das empresas líder do sector e ábrese paso en Centroamérica.
¿Que lles moveu a dar o paso á internacionalización da súa empresa nun momento de crise como o que se vive actualmente?
Precisamente os momentos de crise son aqueles nos que o cambio e a evolución fanse imprescindibles e non só necesarios. Ante un mercado local en retroceso, hai que buscar novas oportunidades, crecemento horizontal cando o vertical non é posible.
¿Cales foron as principais dificultades atopadas neste proceso?
Baixo o meu punto de vista, hai dúas dificultades claves para a expansión dunha PEME no mercado internacional. A primeira, é que hai que ter solidez no mercado local para poder acometer o investimento que supón saír ao exterior. Esa solidez local resumiríaa en dous puntos, un produto ou servizo que xa é un éxito no mercado local, e que a empresa teña capacidade de investimento. Aventurarse ao exterior sen ter os pés firmes no mercado natural pode dar ao traste ambos proxectos. A segunda dificultade, é a elección das persoas que liderarán a internacionalización nos mercados obxectivos. En compañías como a miña, sen unha capacidade infinita de investimento nin un gran departamento de RRHH, acertar na selección do equipo humano é clave para que o proxecto salga adiante.
¿Como podería definirnos vostede esta experiencia?
Pois posiblemente como a máis enriquecedora das que se poida enfrontar un empresario, despois, está claro, da propia creación da empresa.
¿Por qué optaron por Iberoamérica, e máis concretamente por Panamá para iniciar a presenza no exterior do Grupo Arcade Inforhouse?
O primeiro filtro foi buscar en que países podería haber demanda dos nosos produtos e servizos, onde puidésemos presentar unha solución innovadora e diferencial ao alí existente. Despois seleccionar entornos onde encaixase a nosa dimensión e cultura empresarial. Iso centrounos en Iberoamérica, e pechou os grandes mercados americanos (México, Brasil), e finalmente, tras visitar varios dos países da contorna, escollemos como punto de arranque Panamá, pola súa situación xeográfica/comunicacións, pola súa seguridade xurídica ás empresas, e pola súa seguridade para as persoas que traballamos nelas. Hoxe ratifico a decisión tomada hai xa dous anos e medio.
¿De que maneira cre que afectará esta aposta pola internacionalización ao futuro da empresa?
O obxectivo último é que parte do negocio de América o desenvolvámos desde a empresa galega, garantindo traballo ao persoal local e ingresos para a continuidade do proxecto en todas as frontes.
¿Que proxectos destacaría tanto a curto como a medio prazo?
A curto prazo queremos seguir crecendo no mercado panameño, actualmente temos unha importante presenza no mercado privado, pero no mercado gobernamental só proxectos menores. Paralelamente, e xa a medio prazo, a expansión nos países da contorna forma parte do plan estratéxico, actualmente ademais da sede central de Panamá, xa contamos con oficina en Colombia, quedan moitos países onde seguir desenvolvéndonos, pero non temos présa.
E, noutra orde de cousas, ¿que análise faría vostede da situación actual do sector TIC en Galicia?
O sector pasou de ser un subsector de apoio a terceiros a ser un sector de peso en si mesmo. Galicia conta con grandes compañías TIC, tanto en tamaño propiamente dito como en innovación e calidade. Temos que seguir crecendo na calidade de produtos e servizos, porque precisamente esa calidade serve como catalizadora para as empresas ás que prestamos eses servizos, convertendo ao sector TIC nunha das claves da economía global de Galicia.
Feijóo coñece in situ a expansión do Grupo Arcade Inforhouse en Panamá
O Correo Gallego tamén se facía eco da visita de Feijóo a Panamá, en marzo, na cal tivo a opción de coñecer de primeira man a expansión desta empresa galega no país centroamericano: "Os nosos espías transoceánicos dan fe de que o director xerente de ACIH Tecnoloxías, empresa do grupo Arcade Inforhouse, compostelán de pura raza, para o mercado centroamericano, tivo ocasión de saudar ao presidente da Xunta con motivo da visita que Alberto Núñez Feijóo está a realizar por aquelas lares. Trátase de Pablo González Carreira, vigués cunha ampla experiencia directiva en empresas galegas e que desde hai un ano representa os intereses do Grupo Arcade Inforhouse na zona. A compañía ten o seu cuartel xeral en Panamá e conta con traballadores tanto panameños como colombianos."
Comments