O Cluster TIC Galicia e Vindeira suman forzas para mellorar a competitividade das empresas a través da I+D

O Cluster TIC Galicia e Vindeira suman forzas para mellorar a competitividade das empresas a través da I+D


O Cluster TIC Galicia e a plataforma tecnolóxica Vindeira traballarán de maneira conxunta para desenvolver programas de investigación e desenvolvemento (I+D) que permitan o máximo aproveitamento dos recursos en beneficio da competitividade das empresas das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. Tal é o obxectivo do convenio marco de colaboración asinado polos presidentes das dúas entidades,  Rafael Valcarce Baiget e Antonio Rodríguez del Corral, respectivamente.

Este acordo, aprobado polo Comité Estratéxico do pasado 3 de marzo, establece que o Cluster TIC Galicia canalizará a través de Vindeira, como plataforma tecnolóxica do sector TIC de Galicia, as súas actividades de I+D naqueles eidos nos que Vindeira xa ten equipos de traballo en marcha. Trátase, en concreto, dos seguintes: Fogar dixital, TIC Saúde, Cloud computing, Mobilidade, Televisión dixital interactiva, Tecnoloxías informáticas de base, Interfaces multimodais en ambientes intelixentes, Turismo, Tecnoloxías de información xeográfica, Start-ups tecnolóxicas e Vindeira Capital Network (rede de emprendedores, analistas e inversores orientada á creación dunha estrutura estable de capital risco para o sector TIC galego).

Pola súa banda, Vindeira recoñece o rol do Cluster TIC Galicia como órgano de representación e coordinación e canalizará a través del as actividades que desenvolva para as empresas do Cluster. Ademais, Vindeira elaborará e manterá a Axenda Estratéxica do sector TIC de Galicia tendo en conta os requerimentos do Cluster.

As actividades que desenvolva Vindeira no marco do convenio estarán abertas a todos os membros do Cluster TIC Galicia.

A duración do acordo é de dous años prorrogables, e o seu seguimento e control será responsabilidade dunha comisión da que formarán parte a secretaría técnica de Vindeira e a xerencia do Cluster TIC Galicia, así como, eventualmente, os presidentes de ambas as dúas entidades.

Tras a aprobación do convenio no Comité Estratéxico, Rafael Valcarce expresou en tres puntos a súa  valoración: “O acordo é bo para a plataforma tecnolóxica Vindeira porque recibe o reforzo dunha asociación referente, como é o Cluster, asegurando e fortalecendo o devir de ambas as dúas entidades. En segundo lugar, é bo para o Cluster porque axiliza o desenvolvemento dun grupo de traballo que pola súa inercia lle costaría meses de traballo, acelerándose deste xeito o proceso. Finalmente, é bo porque favorece ás propias empresas do Cluster, xa que pon en valor un traballo desenvolvido xa durante dous anos por outras moitas empresas que teñen traballado en Vindeira”.



None

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies