O Cluster TIC Galicia e a plataforma tecnolóxica Vindeira traballarán de maneira conxunta para desenvolver programas de investigación e desenvolvemento (I+D) que permitan o máximo aproveitamento dos recursos en beneficio da competitividade das empresas das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. Tal é o obxectivo do convenio marco de colaboración asinado polos presidentes das dúas entidades, Rafael Valcarce Baiget e Antonio Rodríguez del Corral, respectivamente.
Este acordo, aprobado polo Comité Estratéxico do pasado 3 de marzo, establece que o Cluster TIC Galicia canalizará a través de Vindeira, como plataforma tecnolóxica do sector TIC de Galicia, as súas actividades de I+D naqueles eidos nos que Vindeira xa ten equipos de traballo en marcha. Trátase, en concreto, dos seguintes: Fogar dixital, TIC Saúde, Cloud computing, Mobilidade, Televisión dixital interactiva, Tecnoloxías informáticas de base, Interfaces multimodais en ambientes intelixentes, Turismo, Tecnoloxías de información xeográfica, Start-ups tecnolóxicas e Vindeira Capital Network (rede de emprendedores, analistas e inversores orientada á creación dunha estrutura estable de capital risco para o sector TIC galego).
Pola súa banda, Vindeira recoñece o rol do Cluster TIC Galicia como órgano de representación e coordinación e canalizará a través del as actividades que desenvolva para as empresas do Cluster. Ademais, Vindeira elaborará e manterá a Axenda Estratéxica do sector TIC de Galicia tendo en conta os requerimentos do Cluster.
As actividades que desenvolva Vindeira no marco do convenio estarán abertas a todos os membros do Cluster TIC Galicia.
A duración do acordo é de dous años prorrogables, e o seu seguimento e control será responsabilidade dunha comisión da que formarán parte a secretaría técnica de Vindeira e a xerencia do Cluster TIC Galicia, así como, eventualmente, os presidentes de ambas as dúas entidades.
Tras a aprobación do convenio no Comité Estratéxico, Rafael Valcarce expresou en tres puntos a súa valoración: “O acordo é bo para a plataforma tecnolóxica Vindeira porque recibe o reforzo dunha asociación referente, como é o Cluster, asegurando e fortalecendo o devir de ambas as dúas entidades. En segundo lugar, é bo para o Cluster porque axiliza o desenvolvemento dun grupo de traballo que pola súa inercia lle costaría meses de traballo, acelerándose deste xeito o proceso. Finalmente, é bo porque favorece ás propias empresas do Cluster, xa que pon en valor un traballo desenvolvido xa durante dous anos por outras moitas empresas que teñen traballado en Vindeira”.
None
Comments