Entrevista en La Voz de Galicia ao presidente do Clúster TIC "Aspiramos a duplicar a nosa aportación ao PIB en cinco anos"

Entrevista en La Voz de Galicia ao presidente do Clúster TIC "Aspiramos a duplicar a nosa aportación ao PIB en cinco anos"


A asemblea xeral do Clúster TIC de Galicia, que agrupa a preto dun centenar de empresas do sector tecnolóxico na comunidade, reelixiu esta semana a Antonio Rodríguez Del Corral, responsable de desenvolvemento de R, como presidente, cargo que ocupa desde xuño do 2012.

-No clúster conviven empresas de tamaños moi diferentes, ¿como se harmoniza a convivencia?
-O difícil, e a tarefa dun clúster é integrar os pequenos especialistas cos grandes tractores. Para iso, visitáronse todas as empresas e fíxose unha radiografía rigorosa para ver que produtos tiña cada unha, que áreas de coñecemento e con quen traballaban, en que países estaban presentes. Agora temos que activar as sinerxias, pero xa contamos cun mapa de oficinas que o outro día presentamos ao Igape, que quedaron alucinados, porque pensaban que necesitabamos internacionalizarnos cando estamos xa en 27 países.

-Falan de especializarse. ¿Cal é a estratexia?
-O noso reto agora é coller esas fortalezas e trasladalas a unha ou dúas áreas que estean a nacer para que Galicia se sitúe, como fixo Israel coa seguridade ou Bretaña co audiovisual. Pero esa especialización ten que ser unha decisión compartida.

-¿Cales poderían ser as liñas de traballo?
-Está claro que unha das áreas ten que ser produto, pero outra debe ser servizo industrial. No norte e centro de Europa hai unha demanda tremenda de servizos de software non atendida, teñen déficit de programadores recoñecidos polos seus Gobernos. E a solución para eles non é importar miles de programadores. Pero o que importa é que haxa coordinación, porque cando o fagamos imos pedir aos centros tecnolóxicos das universidades que cambien os seus plans de I+D e que esas vías estean nos plans de subvención pública cada ano.

-¿Que prazo se márcan?
-Eu tentaría ter a estratexia despois do verán, porque a primeira oportunidade de aplicar fondos europeos é no 2015 e canto máis tardes peor. Aquí estamos a competir co naval e outros sectores industriais que non son tan heteroxéneos. O noso déficit de partida é que representamos o 2,5 % do PIB cando outros son o 7 ou o 12 %. A maneira de superalo é presentarse como un sector consolidado cun plan único. Galicia vai ter 1.200 millóns entre o 2015 e o 2020 para innovar e queremos aproveitar eses fondos para incrementar o noso peso no PIB. A industria TIC con sede en Galicia, excluíndo operadores, debería ser capaz de duplicarse e pasar do 1,8 % actual ao 3,6 ou mesmo máis.

-¿Afectoulles a crise? ¿Como repercutirá agora o proceso de concentración do sector das telecomunicacións?
-O sector sufriu, pero máis polo impacto da baixada de prezos das telecomunicacións, que repercutiu en cadea aos provedores, pero a demanda xa se está recuperando, sobre todo para as empresas con presenza exterior. Que o sector das telecomunicacións se consolide en tres grupos fortes non debería ser un problema para a industria auxiliar.

Fonte: La Voz de Galicia (05/04/2014)

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies