A start up galega Cilenis lanza Linguakit, un innovador portal online multilingüe que proporciona un acceso cómodo, rápido, asequible e sinxelo a multitude de instrumentos tecnolóxicos para o uso e o estudo de catro linguas: galego, español, inglés e portugués. Trátase do primeiro portal de recursos lingüísticos para este grupo de idiomas e, moi especialmente, para o galego, que disporá por primeira vez de ferramentas ata agora só accesibles para o inglés e o castelán. Esta importante achega de Cilenis, unha novísima empresa tecnolóxica xurdida ao abeiro da USC, facilitará a aprendizaxe e a corrección no uso destas linguas apoiándose nos medios dixitais. Trátase, en fin, dunha completa caixa de ferramentas lingüísticas que sitúa a Galicia e a lingua galega á cabeza da enxeñería lingüística para os ámbitos lusófono e hispano.
Este portal xa está integrado na rede de Universidades RedEmprendia, o que permite achegar este servizo lingüístico a un maior número de estudantes, profesores, investigadores e empresas.
Dende un conxugador verbal a un extractor de palabras chave, pasando por un analizador do sentimento dun enunciado, un resumidor, un tradutor ou un corrector ortográfico e gramatical, Linguakit inclúe un amplo abano de ferramentas web das que se poderán aproveitar publicistas, xornalistas, tradutores, profesores e lingüistas, pero tamén calquera persoa con interese pola lingua e as súas interioridades.
Todas as persoas que queiran probar Linguakit poden facelo de xeito gratuíto rexistrándose na web linguakit.com, o que lles dará dereito a facer ata 100 consultas mensuais. Para usos máis extensivos, hai plans adaptados ás necesidades de cada usuario dende 3,95€/mes.
Unha completa caixa de ferramentas
As ferramentas lingüísticas dispoñibles en Linguakit son un resumidor que proporciona unha síntese do contido dun texto; un corrector capaz de identificar erros léxicos e gramaticais proporcionando unha explicación didáctica dos mesmos así como posibles opcións de corrección; o mellor tradutor en liña dispoñible para o par de linguas que o usuario elixa; un conxugador verbal que inclúe verbos de dobre conxugación e mesmo inventados; ou unha completa ferramenta de análise que amosa algunhas das posibilidades que ten o usuario para traballar coa lingua ofrecendo á vez o resultado parcial de varias das ferramentas de Linguakit.
As ferramentas de análise lingüística permiten averiguar o número de veces que unha palabra aparece nun texto atendendo á súa categoría gramatical e outros datos xenéricos como o número de frases, de palabras ou a variedade léxica do texto; facilitan o contexto anterior e posterior das palabras chave elixidas polo usuario; proporcionan información morfolóxica de cada tipo de palabra dun determinado texto; e realizan unha análise completa das relacións sintácticas ou de dependencia existentes entre os pares de palabras dun texto.
Finalmente, as ferramentas de análise de texto posibilitan analizar o sentimento dun enunciado, valorando o grao de positividade, negatividade e/ou neutralidade; identificar o idioma no que foi escrito, tendo en conta, para o caso do galego, as variantes recollidas na RAG (Real Academia da Lingua Galega) e AGAL (Associaçom Galega da Língua); extraer as palabras chave, clasificándoas segundo o seu grao de importancia, ou os grupos de palabras chave, clasificándoos segundo o seu grao de cohesión interna; e recoñecer as entidades, nomes propios e datos numéricos dun texto para catalogalos como persoas, lugares, organizacións, organismos, datas ou cantidades.
Dende a USC á vangarda da tecnoloxía lingüística
Cilenis é unha nova empresa galega dedicada ao desenvolvemento tecnolóxico aplicado aos recursos lingüísticos, creando ferramentas en galego, portugués, castelán, inglés e francés baseados no software libre. Uns dos seus primeiros produtos foron os conxugadores verbais automáticos en liña para galego e portugués, aos que pouco despois seguiron os conxugadores en portugués e castelán para móbiles con sistema operativo Android. De seguido chegou o proxecto Avalingua, que avalía automaticamente o nivel de lingua escrita en catro idiomas: español, inglés, portugués e galego. Agora, o equipo de Cilenis presenta unha nova proposta de utilidade global, un portal online que integra un amplo abano de ferramentas lingüísticas punteiras e que achegará, dun xeito asequible e sinxelo, a tecnoloxía lingüística de vangarda a todos e a todas, en Galicia e no mundo.
Cilenis é unha spin off da Universidade de Santiago de Compostela que naceu no ano 2011, a partir do know how adquirido durante anos no ámbito do Procesamento da Linguaxe Natural por parte do grupo de investigación ProLNat@GE, coordinado por Pablo Gamallo, doutor no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CITIUS). Inicia a súa actividade cunha cualificación de IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) concedida pola Xunta de Galicia e no mesmo ano do seu nacemento gaña o Primeiro Premio como Proxecto Empresarial Innovador. O ano seguinte, o analista económico e empresario Marc Vidal, coa súa empresa IDODI Labs, convértese en socio de Cilenis. En novembro de 2013, Cilenis recibe a “Honorable Mention” na 4ª edición do Building Global Innovators, unha iniciativa do Massachusetts Institute of Technology organizada polo MIT Portugal en Lisboa, polo seu proxecto Avalingua. Este proxecto, software que avalía automaticamente o nivel de lingua escrita en catro idiomas: español, inglés, portugués e galego está hoxe presente no Programa Galicia Open Future, que fomenta e impulsa á aceleración e maduración de proxectos de emprendemento seguindo unha metodoloxía baseada na innovación.
Comments