O servizo de emprego do Clúster TIC Galicia inicia a súa actividade coa identificación de 260 vacantes en empresas da entidade

Silvia Camesella,

O servizo de emprego do Clúster TIC Galicia inicia a súa actividade coa identificación de 260 vacantes en empresas da entidade


  • En  colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade, busca facilitar aos socios  a procura de profesionais e a estes a busca de empresas
  • De momento,  recolléronse postos sen cubrir de 40 dos 135 asociados, polo que se prevé que a  cifra sexa moito máis elevada a medida que as firmas se vaian incorporando ao  sistema
  • O 50% dos  perfís máis demandados son de expertos en desenvolvemento de software, un 15%  de administradores de sistemas, un 10% de analistas e xefes de proxecto e o 25%  restante de interface de usuario e deseñadores gráficos 

O Clúster TIC Galicia vén de dar a coñecer o dato provisional de vacantes das súas empresas asociadas, máis de 260, obtido a través do seu novo servizo de emprego, posto en marcha en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta. Polo momento, recolléronse postos sen cubrir de 40 dos 135 socios, polo que se prevé que a cifra se incremente de forma considerable a medida que todas as firmas indiquen as súas ofertas de perfís tecnolóxicos.

“Necesitamos datos actualizados de vacantes no sector en Galicia e indicadores fiables que nos axuden a identificar, por un lado, talento cualificado, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, e por outro, aqueles perfís que son moi difíciles de atopar”, sinala Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.

O novo servizo de emprego do Clúster TIC Galicia ten como obxectivo axudar ás empresas tecnolóxicas a atopar o talento cualificado que precisan e que non conseguen cubrir, polo que estas ofertas laborais recolleranse, ademais, nun portal de emprego que a entidade lanzará proximamente. Deste xeito, tanto as firmas TIC como os profesionais do sector poderán publicar e consultar as vacantes nun único espazo, facilitando así a procura de emprego. Con esta finalidade, tamén se colaborará coas asociadas especializadas en selección de persoal.

Todos os datos obtidos serán, ademais, compartidos co Servizo Público de Emprego de Galicia coa finalidade de axudar a establecer políticas de formación orientadas a estas ofertas, así como para a mellora do sistema.

Talento cualificado

O 50% das vacantes son de expertos en desenvolvemento de software -das cales, o 70% corresponden a profesionais en desenvolvemento de software na nube e o 30% restante a perfís  de interface de usuario e deseñadores gráficos-. Un 15% son postos sen cubrir como administradores de sistemas, un 10% de analistas e xefes de proxecto e o 25% restante de profesionais de big data e intelixencia artificial, ciberseguridade e calidade de software.

Outro dos obxectivos do novo servizo de emprego, ademais de identificar as ofertas, é recompilar información de diversa índole relacionada co ámbito laboral no sector TIC galego: o emprego creado, o tempo medio de recrutamento, as principais fontes de selección de persoal, a rotación no sector, os salarios medios por posto, etc.

“Con estes datos, sobre todo cos de capacidades e ocupacións, poderemos propoñer a distintas institucións galegas a creación de formacións específicas adaptadas aos postos que necesitamos cubrir: certificados de profesionalidade, ciclos de formación profesional, aumento das prazas en distintas facultades, etc.”, engade del Corral.

Outra das accións que contempla o servizo de emprego é exercer como intermediario nos programas de carácter autonómico Retorna Cualifica Emprego, para incorporar talento migrante residente no exterior ao mercado laboral galego, e Xuventude Mentoring, para ofrecer asesoramento e apoio a alumnado egresado.

Traballará tamén na procura de eventos do sector fóra da comunidade para crear unha marca simbólica propia de “Galicia TIC”, que contribúa a atraer talento nacional ás empresas tecnolóxicas galegas.

Para identificar as distintas necesidades que van xurdindo no día a día dos socios e recoller todas as súas demandas, a nova área do Clúster está a manter reunións periódicas de carácter mensual cun grupo reducido de traballo, que vai rotando e que engloba a representantes de distintas empresas.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies