A cita congregou a empresas tecnolóxicas e téxtiles que mantiveron encontros B2B para dar resposta aos retos e proxectos de dixitalización no ámbito da moda
O evento, celebrado na Cidade da Cultura e emitido en streaming, contou co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape
Álex Rayón, experto en Big Data e vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Deusto, protagonizou o relatorio central do obradoiro
O Clúster TIC Galicia e a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA), organizaron hoxe unha xornada sobre Big Data e márketing dixital co obxectivo de promover as sinerxías entre empresas dos sectores TIC e téxtil-moda, en colaboración co Igape.
O encontro, emitido en streaming, tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e congregou empresas de ambos sectores para dar resposta aos retos do ecosistema téxtil-moda vinculados aos macrodatos e ao márketing dixital.
Contou coa participación de Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, José Bahamonde, vicepresidente de COINTEGA, Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de negocio no Igape, que destacaron a importancia de trazar alianzas entre profesionais de distintos campos de especialización para obter produtos e servizos máis competitivos. Neste sentido, Rodríguez del Corral lembrou que a Cidade das TIC terá “un centro de demostración de 2.000 m2 e unha sala específica para o sector textil".
O relatorio principal da xornada estivo protagonizada por Alex Rayón, vicerreitor de Relacións Internacionais e Transformación Dixital da Universidade de Deusto (Vizcaia) e director de Deusto Big Data. Na súa intervención, explicou como as ferramentas de analítica de datos poden contribuír a mellorar a competitividade do sector téxtil, ofrecendo unha oferta personalizada e adaptada ás necesidades do consumidor, a través de diferentes casos de éxito.
Networking profesional
No evento tamén se levaron a cabo encontros profesionais para impulsar o networking bisectorial, fomentar novas liñas de negocio e a implantación de novas solucións tecnolóxicas que melloren o posicionamento das firmas galegas do sector téxtil-moda nun mercado cada vez máis competitivo.
Comments