O Clúster TIC Galicia organiza Tech Angels Capital, un evento exclusivo para conectar startups tecnolóxicas con inversores

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia organiza Tech Angels Capital, un evento exclusivo para conectar startups tecnolóxicas con inversores


  • Será o 28 e  29 de outubro en Vigo co obxectivo de incentivar a cooperación e o crecemento  do ecosistema emprendedor galego 
  • As empresas  emerxentes interesadas en participar teñen ata o 30 de setembro para presentar  a súa solicitude
  • Conta  coa colaboración da Amtega, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Igape  e Node Hub

O Clúster TIC Galicia organiza Tech Angels Capital, un evento exclusivo para conectar startups tecnolóxicas galegas con importantes investidores, incluíndo business angels e fondos de capital risco, interesados en impulsar o crecemento destas organizacións.

O encontro, que se celebrará o 28 e 29 de outubro na sede da Zona Franca de Vigo, conta coa colaboración da Amtega, do propio Consorcio, do Igape e de Node Hub, e está aberto a todas aquelas empresas emerxentes con base en Galicia enfocadas no desenvolvemento, implementación ou aplicación de solucións tecnolóxicas innovadoras.

Tech Angels Capital tamén busca achegarse a fondos de capital risco, inversores, business angels e fondos de inversión en disposición de participar nos proxectos presentados co obxectivo de transformar, mellorar e promover o crecemento das startups que os impulsan.

O obxectivo é incentivar a cooperación e o crecemento do ecosistema emprendedor galego de base tecnolóxica, facilitando o seu acceso a recursos clave, novas oportunidades de mercado e á financiación que necesitan para escalar.

Programa

O programa estrutúrase en dúas xornadas. O primeiro día, os inversores e as startups poderán entrar en contacto dun xeito distendido, a través dun foro colaborativo onde se presentarán retos e propostas do panorama TIC local e internacional, así como de actividades gastronómicas e de ocio.

O segundo día será a quenda das sesións pitching  e encontros 1to1, deseñados para facilitar conexións estratéxicas e maximizar o valor de cada interacción, ofrecendo unha oportunidade única para crear sinerxías e establecer acordos de colaboración entre inversores e startups.

 

Como participar?

Para poder participar no evento, as startups teñen que enviar a súa solicitude antes do 30 de setembro a través da web do Clúster TIC  Galicia. No caso dos fondos de inversión, os interesados en asistir, poden dirixirse á entidade a través de info@clusterticgalicia.com ou no 881 939 651.

Un comité de expertos integrado por membros do Clúster TIC Galicia, a Amtega, o Igape e Node Hub será o encargado de analizar as solicitudes recibidas, seleccionando os proxectos máis prometedores baseándose en criterios de innovación, viabilidade e potencial de crecemento. As startups escollidas recibirán asesoramento previo para presentar da forma máis efectiva posible a súa proposta no encontro.

Máis  información sobre o Tech Angels Capital.


Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies