O Clúster TIC Galicia ofrecerá preto do 50% da formación da FP Dual de aplicacións multiplataforma do IES Fernando Wirtz Suárez

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia ofrecerá preto do 50% da formación da FP Dual de aplicacións multiplataforma do IES Fernando Wirtz Suárez


  • Aldaba, cinfo, Plexus Tech e Luckia formarán con carácter práctico ao alumnado deste centro da Coruña na Cidade das TIC e nas súas respectivas sedes
  • Esta colaboración forma parte da estratexia da entidade para aumentar o talento tecnolóxico na comunidade

O Clúster TIC Galicia ofrecerá preto do 50% da formación curricular da FP Dual de Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña, considerada unha das titulacións con maior empregabilidade segundo o Observatorio das Ocupacións do SEPE. Aldaba, cinfo, Plexus Tech e Luckia formarán así ao alumnado deste ciclo formativo, de 2.106 horas de duración, e cuxas prazas, 16 en total, xa están cubertas.

“O obxectivo é que os estudantes entren en contacto con proxectos reais en empresas tech dende o primeiro ano para aumentar a súa produtividade e facilitar a súa inserción laboral da forma máis inmediata posible”, sinala Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e CEO de cinfo.

Esta colaboración forma parte da estratexia da entidade, que ten en marcha diversas accións para aumentar o talento tecnolóxico na comunidade, un problema que acusa o sector. A través deste convenio, o Clúster TIC Galicia actuará como intermediario, capacitando de forma práctica ao alumnado antes da súa incorporación a compañías do sector.

O primeiro ano académico, 2024-2025, os estudantes recibirán formación técnica na Cidade das TIC durante dous meses e medio, de maio a xullo, e o segundo curso, 2025-2026, a partir de febreiro de 2025, traballarán durante seis meses nas sedes de Aldaba, cinfo, Plexus Tech e Luckia en diferentes proxectos.

“Este é a primeira vez que colaboramos nunha FP dual intensiva, pero a idea é estender o modelo a outros centros educativos que oferten ciclos similares noutras cidades de Galicia”, apunta del Corral, e engade: “Tamén esperamos que máis empresas socias do Clúster se sumen á iniciativa”.

Nova Lei de Formación Profesional

Este lanzamento coincide coa implantación do novo sistema dual recollido na Lei da Formación Profesional, aprobada hai dous anos, tanto nos ciclos formativos de grao medio como nos de grao superior, así como nos máster de FP que contemplen prácticas. A partir deste curso, os alumnos formaranse no centro e na empresa desde o primeiro ano, ademais de cotizar á Seguridade Social durante toda a estadía práctica. Así mesmo, todos os ciclos contarán con novos contidos baseados na dixitalización, a sustentabilidade ou o emprendemento, aspectos clave para facilitar o acceso da mocidade ao emprego.

Accións para crear talento

O Clúster TIC Galicia ten en marcha outras accións para promover o talento tecnolóxico, como o seu plan formativo, organizado en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, cuxa cuarta convocatoria está a piques de ver a luz, ou o Campus Dual TIC, unha iniciativa posta en marcha coas universidades galegas e Imatia para capacitar de forma áxil e práctica aos perfís dixitais máis demandados polas empresas tecnolóxicas.

Sobre o Clúster TIC Galicia

O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por 141 socios, entre grandes empresas (15), pequenas empresas (121) e centros tecnolóxicos, colexios e asociacións profesionais (5), que supoñen unha facturación conxunta de máis de mil millóns de euros e ao redor de 14.000 traballadores.

O seu obxectivo, desde a súa fundación en 2008, é impulsar a colaboración e sinerxías entre empresas, administracións e institucións para incrementar a competitividade, a transformación tecnolóxica, a saída a novos mercados e favorecer o cambio de modelo produtivo cara unha economía baseada na innovación, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.


Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies