O Clúster TIC Galicia lanza o programa Tech Angels para promover a aceleración tecnolóxica de startups e ideas empresariais

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia lanza o programa Tech Angels para promover a aceleración tecnolóxica de startups e ideas empresariais


O Clúster TIC Galicia vén de lanzar o programa Tech Angels para promover a aceleración tecnolóxica de startups e ideas de negocio de calquera sector, a través dun convenio asinado coa Amtega e o Igape. O obxectivo é que entidades socias brinden o pulo necesario para acelerar e optimizar os modelos de negocio das candidaturas seleccionadas. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes a través deste apartado da nosa web, dende hoxe ata o 15 de decembro.

Esta iniciativa constitúe unha excelente oportunidade para potenciar proxectos innovadores mediante un marco de colaboración entre emprendedores e empresas socias do Clúster TIC (denominadas Tech Angels), que porán á súa disposición os recursos técnicos e económicos precisos para proporcionarlles solucións tecnolóxicas personalizadas, necesarias para potenciar os seus negocios.

Mediante este programa, búscase xerar sinerxías que permitan ás ideas de emprendemento e startups acceder a recursos tecnolóxicos avanzados e expertise especializado, reducindo os riscos e impulsando a súa rápida expansión e fortalecemento no mercado.

Fases do programa

 O Clúster TIC Galicia valorará e preseleccionará as propostas, en base a criterios de calidade, orientación ao mercado e/ou nivel de madurez e dará a coñecer ás entidades admitidas no programa Tech Angels, como máximo, o  9 de xaneiro. A partir desta data, realizaranse dous talleres de asesoramento en modalidade híbrida (telemática e presencial) para guiar ás startups e emprendedores na elaboración das súas presentacións ante os Tech  Angels, aliñadas coas bases do programa. Posteriormente, os Tech Angels, socios do Clúster TIC, escollerán as iniciativas nas que desexen colaborar e procederase á formalización dos acordos.

Os socios do Clúster porán a disposición dos proxectos seleccionados o seu amplo coñecemento e experiencia no mundo TIC e investirán en tecnoloxía adaptada á startup ou idea innovadora seleccionada, dende software a hardware, pasando por aplicacións, plataformas dixitais e calquera ferramenta tecnolóxica que poida contribuir a potenciar o negocio. Ofreceranlles asesoramento e a posibilidade de ampliar a súa rede de contactos, ademais de exercer como guías en cada paso do proceso. A medida que as empresas e ideas crezan e evolucionen, as solucións tecnolóxicas proporcionadas adaptaranse, garantindo así a súa innovación constante.

Consolidar o tecido  emprendedor

Con esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia busca consolidar o tecido emprendedor tecnolóxico galego, con especial énfase en promover a integración, desenvolvemento e crecemento de startups no ecosistema dixital galego, garantindo así unha evolución constante e adaptada ás necesidades actuais.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies