O Clúster TIC Galicia está a formar a 23 directivos galegos en computación cuántica a través dunha formación estratéxica para executivos, promovida en colaboración con Quanvia e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.
O programa, que se está a levar a cabo con carácter online durante este mes de outubro, ten como obxectivo principal impulsar e acelerar a computación cuántica no tecido empresarial TIC galego, tendo en conta a proxección e aplicación futura desta nova tecnoloxía para a resolución de problemas computacionais inviables para os supercomputadores actuais. Isto permitirá multiplicar o rendemento das empresas participantes, conseguindo vantaxes competitivas simultáneas de diferenciación e custos.
Para acadar este propósito, o alumnado, entre os que figuran profesionais de empresas socias do Clúster TIC Galicia, como Altia, Bahía Software, o CESGA, cinfo, o CPEIG, Dous Espazos, Egatel, NTT Data Spain ou Wireless Galicia, está a profundar no coñecemento dos diferentes tipos de computación cuántica e a súa aplicación na empresa. Desta forma, os participantes poderán coñecer o potencial innovador e disruptivo desta nova tecnoloxía e implementalo, identificando o seu valor, riscos e oportunidades.
O curso combina a formación estratéxica con actividades learning by doing, nas que se usan ferramentas específicas en plataformas de computación cuántica para crear e entender modelos de predición sen a complexidade de programalos.
As materias impartidas, permitiranlles coñecer o seu interese exponencial en combinación coa Intelixencia Artificial (IA), o Big Data e a Internet das Cousas (IoT), entre outras tecnoloxías; o seu nexo coa IA na cadea de valor e as áreas funcionais da empresa; a Automatización de Procesos Robotizados (RPA); as plataformas dispoñibles de Servizo de Computación Cuántica (PasS) nos negocios; abordar exemplos de aplicación desta tecnoloxía en industrias clave; ou saber que consideracións éticas ten a IA na empresa.
Dirixido por Enrique Solano, catedrático de Computación Cuántica e cofundador de Kipu Quantum e Quanvia, ten unha duración de 30 horas e conta, ademais, con docentes de alto prestixio como o profesor asociado da Universidade de Oxford, Manuel Martí; José Rigol, da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ICAI), da Universidade Pontificia Comillas; Gabriel Jaumá, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); Daniel Volz, CEO de Kipu Quantum; e Jesús Domínguez, cofundador de Quanvia.
Compromiso coa formación
Este curso forma parte do plan formativo do Clúster TIC Galicia para este ano, que puxo en marcha o pasado mes de maio e que concluirá en novembro con preto de 300 accións formativas e máis de 4.000 alumnos. Enmárcase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, os fondos Next Generation da Unión Europea e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Deste xeito, o Clúster TIC Galicia vén de reafirmar o seu compromiso coa formación no entorno laboral como elemento clave para a adaptación e mellora da competitividade de empresas e as competencias de traballadores e desempregados galegos en sectores estratéxicos e nunha contorna globalizada en pleno proceso de transformación.
Comentarios