O Clúster TIC Galicia vén de publicar as bases e procedemento para solicitar espazos na Cidade das TIC (CdT), unha iniciativa estratéxica de máis de 145.000 m² para crear un Polo TIC e de innovación dixital nos antigos terreos da Fábrica de Armas de A Coruña.
As empresas tecnolóxicas interesadas en situarse neste campus empresarial poderán alugar locais de oficina no Centro de Servizos Avanzados (CSA), de 2.000 m², ou dimensionar e deseñar o seu propio espazo segundo as súas necesidades nas Naves 2, 3 e 4, que ofrecerán 15.000 m² para este cometido.
O período de consultas sobre o proceso de solicitude de espazos nestas catro naves estará aberto ata o 19 de maio e estas dúbidas deberán dirixirse a: info@cidadedastic.gal. Posteriormente, establecerase un prazo de solicitude de espazos, do 20 de maio ao 3 de xuño.
Nos seguintes documentos detállase de forma máis pormenorizada o procedemento, as ubicacións e os servizos dispoñibles nas distintas zonas:
Sobre a Cidade das TIC
A Cidade das TIC é un campus tecnolóxico-empresarial que se basea no esquema dos European DIH (Digital Innovation Hubs). Ofrece un conxunto de activos tecnolóxicos, de investigación, talento, sustentabilidade e de apoio ao crecemento empresarial deseñados para axudar ás empresas TIC de Galicia a desenvolver o seu máximo potencial. Está integrada nos DIH galegos, DATAlife DIH, DIHGIGAL e Galicia FoFHUB, e prevese que resida nela un nodo da estratexia nacional de IA.
Para máis información, pódese visitar a web da CdT.
Comentarios