XesGalicia, Unirisco e Noso Capital son algúns dos fondos que participan no evento, organizado polo Clúster TIC Galicia na sede da Zona Franca
Quince startups terán a oportunidade de mostrar os seus proxectos perante estas entidades
Once empresas socias participarán no foro con estas xestoras para xerar spin-off tecnolóxicas
Más de trinta investidores de carácter nacional e internacional danse cita hoxe e mañá en Tech Angels Capital para coñecer de preto os proxectos de quince startups galegas que buscan financiamento e reunirse cunha decena de empresas consolidadas do sector TIC, nun foro con vocación permanente, para xerar spin-off tecnolóxicas.
O evento, organizado polo Clúster TIC Galicia, inaugurouse hoxe na sede da Zona Franca de Vigo coa intervención do presidente da entidade, Antonio Rodríguez del Corral, e a presenza de distintas autoridades, como David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, Miguel Rodríguez, director da Área de Sociedade Dixital da Amtega, e Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do Igape.
O presidente do Clúster TIC Galicia destacou que este evento organízase nun momento clave para a industria. “O sector TIC galego goza de solidez e estamos perante un cambio de paradigma onde queremos facer un esforzo por promover startups de deep tech e alta tecnoloxía, ademais de poñer en valor e rendibilizar o know-how que xa existe no sector”, sinalou, e engadiu: “Queremos iniciar un camiño recorrente e establecer lazos entre emprendedores e investidores”.
O delegado do Estado na Zona Franca, anfitrión das xornadas, puxo en valor as sinerxias do Consorcio que dirixe coa rede de empresas tecnolóxicas e a interacción cos investidores que se desenvolven nun foro como Tech Angels Capital. “En Zona Franca non concibimos a actividade económica sen ter en conta ao tecido empresarial, as empresas son a nosa razón de ser porque, ademais cremos profundamente na colaboración público-privada”, declarou Regades.
A director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, subliñou a ampla presenza de investidores no evento, a figura do business angel como recurso de apoio ao emprendemento, así como o expertise das empresas tecnolóxicas galegas consolidadas no mercado. “Este encontro contribuirá a impulsar o ecosistema emprendedor de Galicia”, afirmou.
Pola súa banda, Miguel Rodríguez, director da Área de Sociedade Dixital da Amtega, mostrou o seu apoio total a este tipo de iniciativas, trasladando o seu desexo de que Tech Angels Capital “persista no tempo”.
Galicia Ecosystem Forum
O encontro, que conta coa colaboración do Consorcio, a Amtega, o Igape e a incubadora Node Hub, estrutúrase en dúas xornadas. O acto principal de hoxe é o Galicia Ecosystem Forum, onde as empresas socias Acruxmartech, Altia, Baía, cinfo, Imatia, Ingenostrum Quobis, Vega Consultores, sg tech, Ozona e Nornna reuniranse cos investidores para establecer un foro con carácter permanente para impulsar spin-off tecnolóxicas.
Entre a trintena de investidores atópanse fondos públicos e privados, como XesGalicia, Unirisco, Noso Capital, La Cantera Capital, BanClub, Kai Capital, Xenese Capital, First Drop, Kibo Ventures, Startup Xplore, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, Sabadell Gallego, Turislab, Berchmann Capital, Delgado Asociados, Clark&Modet, Funding Box, European Investment Fund, BFFood, DPI, Ipglobal, Torsa Capital, Netaccede SCR-Peme, así como diferentes particulares.
Mañá terán lugar as presentacións dos quince emprendedores seleccionados perante estes fondos de investimento. En primeiro lugar, celebraranse as sesións pitching dos proxectos Beagle Lab, 10mets, Cluber, PhotoILike, TechAway, Vestigum Capital, SensesBit, Inverbis, Cargoffer, Blue Quality, Celeiro, Stelviotech, Envita, Zenss e Ccdata-Data Monitoring-Perfect Numbers.
Posteriormente, presentarase La Cantera, un club de investidores interesados en financiar startups. Para concluír a xornada, celebraranse encontros 1to1, deseñados para facilitar conexións estratéxicas entre os fondos e os emprendedores, co obxectivo de crear sinerxías e establecer posibles acordos de colaboración.
Comments