Vestigium Capital é un dos proxectos que participaron en Node Hub, o programa de incubación promovido por INCIBE Emprende e o Clúster TIC Galicia para impulsar o ecosistema emprendedor galego, que pechou a súa primeira edición o pasado 25 de setembro na Cidade das TIC da Coruña.
A frase "o imposible é o nunca tentado" preside hoxe a oficina desta compañía, cofundada por Juan Carlos Pérez Folla e Juan Antonio Pérez Bethencourt, como reflexo da súa filosofía corporativa.
O seu obxectivo é xestionar investimentos de maneira eficiente mediante Activest, unha plataforma de xestión integral que automatiza o proceso de investimento valéndose da tecnoloxía e a intelixencia artificial.
"Queremos contribuír a que existan produtos de investimento activo que consigan mellores resultados que o mercado cuns custos razoables para os clientes", apunta Juan Carlos Pérez. O seu produto diríxese ao B2B, bancos, compañías de seguros e xestoras de fondos de investimento, principalmente.
Node Hub
Os cinco meses de mentorías, formación e experiencias en Node Hub permitíronlles tomar conciencia da importancia das relacións profesionais. "Emprender non é un camiño de rosas e contar co apoio doutras startups e do propio ecosistema emprendedor, aumenta as probabilidades de éxito", sinala.
O Demo Day, evento que puxo o broche de ouro a Node Hub, foi un momento clave para Juan Carlos: "Permitiunos expoñer o proxecto perante posibles investidores e clientes, visibilizando todo o traballo realizado durante o programa". Ademais, durante a xornada, Vestigium Capital recibiu o segundo premio ao mellor proxecto de Node Hub, o que, en palabras do cofundador “supón un recoñecemento ao traballo que vimos realizando e empúxanos a seguir con esta liña para seguir alcanzando os nosos obxectivos”.
Durante o desenvolvemento de Node Hub, a empresa conseguiu finalizar o Produto Mínimo Viable (MVP) e mesmo testear a plataforma con potenciais clientes. “Todos os coñecementos que fomos adquirindo durante o programa, tentamos incorporalos ao desenvolvemento do MVP e foi de gran axuda para nós”, comenta.
Próximos pasos
Actualmente, Vestigium Capital está en procura de early-adopters e acaban de iniciar unha rolda de financiamento para contar cos recursos necesarios para a comercialización e mellora do software e os modelos de IA.
“Levamos meses traballando nunha liña de investigación baseada na aplicación de modelos Transformers a series temporais, o que pode supoñer un cambio radical na xestión de capitais”, revela Juan Carlos Pérez.
Con carácter paralelo, desde a empresa están a ofrecer a calquera entidade que teña interese no seu software un proceso que denominan “Onboarding”, isto significa que as compañías que participen no proxecto, recibirán formación sobre como utilizar a plataforma nos distintos departamentos involucrados. “Ademais, terán a oportunidade de propoñer melloras ou funcionalidades extra que poidan axudalos no seu día a día, sen ningún tipo de custo”, apunta Juan Carlos.
O cofundador de Vestigium Capital agradece o respaldo do Clúster TIC Galicia ao ecosistema emprendedor galego, así como o papel das institucións detrás de Node Hub. “Grazas a este apoio temos unha oportunidade única de posicionarnos como un referente de innovación e emprendemento a nivel internacional”.
Comentarios