Os Clústers TIC e Audiovisual e Amtega poñen en marcha o Plan para impulsar o sector dos contidos dixitais

Óscar Santos Rodríguez,

Os Clústers TIC e Audiovisual e Amtega poñen en marcha o Plan para impulsar o sector dos contidos dixitais


Desenvolver, dinamizar e acelerar negocios en Galicia vinculados ós contidos dixitais durante os próximos dous anos. Ese é o principal obxectivo do plan DICO Mindsetliderado pola  Asociación para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os Clústers TIC e Audiovisual, e presentado o pasado mércores, 2 de maio, na Cidade da Cultura, durante a Xornada DICO in motion.   

 O evento contou coa presenza dos presidentes dos Clústers TIC e Audiovisual, Antonio Rodríguez del Corral e Jorge Algora, respectivamente, quenes puxeron en valor o papel de ambas entidades á hora de posicionar a Galicia como referente na creación de contidos dixitais en áreas de negocio emerxentes, como o e-learning, a vr-learning, a televisión online, os videoxogos, a realidade aumentada e virtual e os contidos sociais. Ademáis, destacaron o potencial das máis de 900 empresas que hai no sector galego relacionadas co mundo da música, o cine, o vídeo, os videoxogos, a edición de actividades editoriais e a publicidade dixital.  

Coa posta en marcha deste plan, que conta cun orzamento de máis de 13 millóns de euros para o período 2018-2020, os Clústers comezan a traballar no lanzamento dun centro de información e vixilancia tecnolóxica, que ofrecerá servizos de asesoramento a organizacións que se encontren nun reto complexo de transformación dixital ou reorientación empresarial. Ademáis, o plan inclúe a celebración en 2019 dunha nova edición do evento Digital Contents (DICO) Summit, co obxectivo de contribuir a internacionalización das empresas e ó posicionamiento do plan galego como modelo a seguir no eido dos contidos dixitais. Tamén se involucrarán na creación dunha aceleradora especializada neste ámbito, DICO Challenge.


 Durante a xornada, a directora de Amtega, Mar Pereira, e a directora da Área de Sociedade Dixital de Amtega, Rosa Méndez, definiron os tres grandes eixes de actuación do novo plan, con actividades previstas para impulsar o capital humano, os proxectos tractores e a mellora da colaboración e competitividade dixital. Estas iniciativas inclúen actividades divulgativas para dar visibilidade ós perfís profesionais máis demandados no sector. Ademáis, levarase a cabo un programa formativo dirixido a xerentes e directivos de pemes co que mellorar a xestión empresarial, e un proxecto de bolsas e prácticas para fomentar a incorporación do alumnado de titulacións relacionadas co mercado dos contidos dixitais, como Comunicación Audiovisual, Belas Artes, Documentación, Historia, Enxeñerías, Publicidade, etc.  

 Durante a xornada, o director xeral e o director de Innovación e Negocio da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez e José Pereira, respectivamente, presentaron o proxecto de televisión interactiva do ente, enmarcado no DICO Mindset, e que incorpora o lanzamento dunha canle temática interactiva de contidos educativos –DIXit_ e as segundas pantaias con contidos de realidade aumentada e virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se están emitindo actualmente na televisión pública. Tamén, contempla o emprego de modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia.  

 O obxectivo da posta en marcha destas iniciativas e avanzar na adaptación da oferta da televisión pública autonómica ós novos hábitos de consumo e mellorar a experiencia do usuario cunha oferta máis interactiva e personalizada.  

 O plan xurde do proxecto colaborativo Viraxe TIC, elaborado por Amtega e os Clústers TIC e Audiovisual, co que foi posible realizar unha análise profunda para identificar as oportunidades de negocio no campo dos contidos dixitais en Galicia, e que permitiu tamén poñer en marcha servizos de asesoramento e celebrar foros de networking para promover e reforzar alianzas entre entidades locais e expertos de recoñecido prestixio a nivel internacional.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies