O Centro de Servizos Avanzados (CSA), o primeiro edificio reformado da Cidade das TIC que abriu as súas portas hai un ano, impulsado polo Clúster TIC Galicia e a Universidade da Coruña (UDC), funciona xa como o que se esperaba: un campus mixto científico-empresarial que alberga, por unha banda, compañías consolidadas, e por outra, tres laboratorios de innovación e espazos de showroom.
"É a casa común do sector TIC para a creación de produtos innovadores, demostración da oferta tecnolóxica da comunidade e aglutinador da actividade empresarial relacionada co ámbito tecnolóxico", destaca Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia. Actualmente, nas súas oficinas están instaladas cinfo, ITG, Altia, Enxenio, ODEENE e Kelea, e no coworking Data Spartan, Green Skills, Inova Labs, Geobim, Unirisco, Francisco Javier Holguin, Josefina Anllon, Cosnor e Balidea.
Ademais destes espazos, o CSA conta con tres laboratorios de innovación avanzados: Media, que entre outras cousas, permite o desenvolvemento, testeo ou demostración de equipo especializado en realidade virtual e aumentada; Dispositivos Intelixentes, idóneo para realizar pequenos desenvolvementos electrónicos con acceso a un taller equipado con todo o necesario para crear prototipos; e Intelixencia Artificial, que dispón de servidores especializados para o adestramento de modelos e o despregamento en contornas de desenvolvemento de motores de inferencias. Ademais, dispón de espazos de demostración e showroom para o diseño e formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIC galego.
Neste primeiro ano de apertura, ademais de reforzar o papel das empresas tecnolóxicas galegas, este centro está a permitir ter unha maior proxección e visibilidade cara outros sectores, atraer novas empresas a Galicia e visibilizar o sector TIC galego no exterior. E non só iso, tamén actúa como escaparate continuo de solucións dixitais para os sectores económicos, a innovación universitaria e centros tecnolóxicos.
160 actividades realizadas
Só durante estes últimos doce meses, pasaron polo centro ao redor de 3.000 persoas, que asistiron ás 160 actividades que acolleu o espazo. Unha trintena destes eventos, aos que acudiron aproximadamente 1.850 persoas, contaron coa colaboración do Clúster TIC Galicia ou foron organizadas por socios da entidade. "Isto tradúcese no establecemento de sinerxías entre empresas, organizacións públicas, centros de investigación, estudantes e cidadanía", apunta del Corral.
Algúns dos programas que tiveron lugar integramente nas instalacións do CSA, no marco dos proxectos estratéxicos da entidade relacionados coa área de emprendemento, foron:
Con carácter paralelo, no eido dos proxectos clave do Clúster TIC Galicia relacionados co ámbito da formación e consolidación de talento, destacamos o programa formativo posto en marcha en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, que leva formado entre 2022 e 2024 a máis 8.000 alumnos, a través do 350 cursos, algún dos cales se impartiron nas instalacións do CSA. Este programa complementarase co Centro de Formación autonómico especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital que prevé instalar a Xunta de Galicia en Pedralonga.
Por outra banda, cabe reseñar tamén o acordo pioneiro que vén de firmar o Clúster TIC Galicia co IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña, polo que o alumnado da FP Dual de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma deste centro recibirá formación técnica no Centro de Servizos Avanzados durante o presente curso.
Intelixencia Artificial e Empresa
O primeiro evento que acolleu o Centro de Servizos Avanzados tivo lugar o propio día da inauguración, o 20 de outubro de 2023, baixo o nome “Intelixencia Artificial e Empresa”, organizado polo Clúster TIC Galicia e no que participaron expertos TIC de renome internacional de empresas como Denodo, NTT Data, MásMóvil ou Teléfonica.
Despois desta multitudinaria cita, o CSA acolleu multitude de actividades de diversa índole, como o “Corunna Innovate Summit”, organizado por Data Spartan, o “Demo Day” da incubadora do Clúster TIC Galicia, Node Hub, o “IA Song Contest”, “Mundos Digitales”, e Ilux Visual Technologies, ou o “Infoday CL3 Galicia”. Ademais, orgnizáronse eventos internos de diferentes empresas (Imatia, cinfo, Noso Capital, Ikea, Finsa, Banco Santander, Vegalsa, Vitae Consultores, Cruz Roja Española, Nortempo, etc.), meetups, xornadas formativas, reunións de traballo, asembleas ou presentacións realizadas por diferentes organismos (Xunta de Galicia, Igape, Axencia Gain, Concello da Coruña, UDC, Campus Dual, Clúster do Audiovisual, Academia Galega do Audiovisual, Clúster do Deporte, etc.).
Comentarios