Unha alianza empresarial galega, liderada pola coruñesa Bionix, crea un respirador 100% galego para surtir a hospitais

Óscar Santos Rodríguez,

Unha alianza empresarial galega, liderada pola coruñesa Bionix, crea un respirador 100% galego para surtir a hospitais


A falta de material sanitario coa que lidia a Xunta para surtir aos centros sanitarios para facer fronte á pandemia do coronavirus, levou a un consorcio de empresas galegas a desenvolver en menos dunha semana un respirador de baixo custe para a súa fabricación na comunidade. O grupo, encabezado pola empresa coruñesa Bionix liderada por Jacobo Penide, fundador e conselleiro delegado, prevé comezar a producir en serie en dúas semanas. O consorcio engloba a outras cinco firmas (Cinfo, Electrónica&Comunicaciones, Dimalnox, i3DAtlántico e Blanco Mayer), o Clúster TIC Galicia e a Fundación Nóvoa Santos.

O proxecto xurdiu o pasado día 18 coa finalidade de responder á situación de colapso hospitalario que sobrevirá en canto Galicia alcance o pico de contaxios. "Ese mesmo día comezamos co deseño conceptual de mecánica, hidráulica, hardware e software e o Clúster TIC coordinou a integración de outras empresas", conta Jacobo Penide, enxeñeiro en telecomunicacións, que destaca que Cinfo se sumou "de forma inmediata", captando logo a firmas do sector metalmecánico, da impresión 3D e a electrónica.

O primeiro prototipo xa está totalmente operativo, e agora encóntrase en fase de probas con simuladores para afinar o dispositivo, «o primeiro paso é probarlo nun pulmón artificial e o seguinte será ensaialo en animais, antes de utilizalo en humanos». A previsión é poder comezar a fabricar "no prazo de dúas semanas". Unha vez en marcha, a idea é surtir "a calquera lugar de España que o necesite", recalca Penide. No deseño do prototipo tamén se embarcou un equipo de anestesistas que "validou o deseño conceptual e os requisitos mínimos" para atender a pacientes críticos.

«Somos un equipazo. Conseguimos un produto totalmente industrializable fabricado con materiais de baixo custe, moi elementais e moi accesibles», explica Jacobo Penide, que apunta como elemento importante o asesoramento médico, por parte de persoal anestesista, que tiveron para o desenvolvemento do prototipo.

Bionix ten experiencia na obtención de certificacións por parte da Axencia Española do Medicamento, e sabe cómo homologar o prototipo, que onte foi presentado a responsables da Xunta para o seu ensaio en centros hospitalarios galegos.


Enlace a nova na TVE1

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies