Socios do Clúster TIC Galicia desenvolverán dúas aplicacións de saúde no marco do programa Tech Angels Network

Silvia Camesella,

Socios do Clúster TIC Galicia desenvolverán dúas aplicacións de saúde no marco do programa Tech Angels Network


Quobis impulsará Cardi@ngel, do enxeñeiro  compostelán Jesús Velasco, que busca conectar persoas con problemas cardíacos e  voluntariado en RCP 

Cinfo promoverá Zenss, unha solución para axudar  a persoas con problemas de saúde mental, da emprendedora coruñesa Astrid  Rincone

Son as propostas seleccionadas das once que se  presentaron á iniciativa da entidade para formalizar alianzas entre ideas de  negocio e líderes tecnolóxicos 

O Clúster TIC Galicia desenvolverá dúas aplicacións de saúde e benestar, no marco do seu programa Tech Angels Network, a través da alianza estratéxica entre Quobis e o proxecto Cardi@ngel, do enxeñeiro compostelán Jesús Velasco, e entre a tecnolóxica Cinfo e Zenss, unha iniciativa da emprendedora coruñesa Astrid Rincones.

Cardi@ngel e Zenss son dúas das once ideas de negocio que se presentaron a Tech Angels Network, acadando o apoio das empresas socias da entidade Quobis e Cinfo, que actuarán como Tech Angels destes produtos, dende o proceso de deseño ata o seu lanzamento, previsto para o vindeiro ano.

Cardi@ngel é unha app de alerta inmediata, colaborativa e gratuíta, dirixida a usuarios con enfermidades do corazón e a voluntarios que saiban realizar reanimación cardiopulmonar (RCP). “Cun só clic na pantalla do móbil por parte da persoa que está a sufrir o infarto ou ataque cardíaco, os voluntarios próximos á súa localización recibirían un aviso para poder practicarlle a RCP o máis rápido posible”, sinala Jesús Velasco, promotor de Cardi@ngel e CTO da empresa homónima.

Con carácter paralelo, a aplicación enviaría unha notificación ao servizo de emerxencias. “A idea xurdiu a raíz da morte dun amigo. Sufriu un infarto e faleceu como consecuencia de non recibir a asistencia adecuada no momento preciso”, confesa.

En España, unha de cada tres persoas morre por unha enfermidade cardiovascular, sendo a segunda causa de morte no noso país, con 114.865 falecementos só en 2023, e a primeira causa a nivel mundial, con 17,9 millóns ao ano. Cardi@ngel pretende paliar estes datos ofrecendo unha solución que xa conta co aval da Sociedade Española de Cardioloxía e a Fundación Española do Corazón.

O apoio de Quobis chega nun momento clave para a empresa. “Que unha compañía líder no suministro de solucións de comunicacións desenvolva o software de Cardi@angel axiliza moito o proceso de lanzamento do produto, xa que está baseado precisamente en comunicacións áxiles e fiables”, apunta Velasco.

Unha gran oportunidade 

Cinfo, pola súa banda, chegou a un acordo coa emprendedora coruñesa Astrid Rincones, impulsora de Zenss, unha solución para acompañar a persoas con problemas de saúde mental. “A través do programa de preincubación Santander X Explorer transformei a proposta nun proxecto sostible e foi aquí onde me recomendaron presentalo a Tech Angels”, comenta Rincones, e engade: “Que Cinfo confiase na miña proposta paréceme unha gran oportunidade porque esta solución vai axudar a moita xente”.

A aplicación está pensada para servir de apoio a gabinetes e clínicas psicolóxicas, terapeutas ou psiquiatras, para que poidan realizar un seguimento máis preciso dos seus pacientes e afinar os diagnósticos. A través dun deseño atractivo, funcional e amigable, o usuario pode utilizar a aplicación coma un diario psicoemocional no que indicar o seu estado anímico ou utilizar a gravadora de voz para rexistrar as cuestións que máis lle preocupan.

“Cos datos recopilados, realízase un seguimento do paciente, xéranse estatísticas para coñecer o seu historial mental, e a través da intelixencia artificial, pódense detectar termos que xeren alertas para previr certas condutas, por exemplo, pensamentos suicidas”, precisa Astrid.

Tech Angels Capital

Outra das iniciativas que contempla o programa Tech Angels do Clúster TIC Galicia é o evento Tech Angels Capital, que se celebrará o 28 e 29 de outubro nas instalacións da Zona Franca de Vigo, en colaboración coa Amtega, o propio Consorcio, o Igape e NodeHub.

Este encontro está dirixido a startups que buscan implementar solucións tecnolóxicas innovadoras e a inversores interesados en impulsar o crecemento destas compañías. Para poder participar no evento, as empresas emerxentes teñen que enviar a súa solicitude antes do 30 de setembro a través deste formulario.

Máis información sobre o programa.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies