Reserva a túa praza en Tech Angels Capital, o evento do Clúster TIC Galicia para conectar startups con investidores

Silvia Camesella,

Reserva a túa praza en Tech Angels Capital, o evento do Clúster TIC Galicia para conectar startups con investidores


  • Solicita a túa participación nesta cita, que terá lugar o 28 e  29 de outubro nas instalacións da Zona Franca de Vigo
  • O obxectivo  destas xornadas, dirixidas a empresas emerxentes, fondos de capital risco e business  angels, é promover o crecemento do ecosistema emprendedor tecnolóxico  galego
  • Conta  coa colaboración da Amtega, o propio Consorcio, o Igape  e Node Hub

Continúan abertas as inscricións para participar en Tech Angels Capital, o evento organizado polo Clúster TIC Galicia o 28 e 29 de outubro nas instalacións da Zona Franca de Vigo para conectar startups tecnolóxicas galegas con investidores interesados en impulsar o crecemento destas compañías.

O encontro, que conta coa colaboración da Amtega, o propio Consorcio, o Igape e Node Hub, está dirixido a todas aquelas empresas emerxentes con base en Galicia enfocadas no desenvolvemento, implementación ou aplicación de solucións tecnolóxicas innovadoras. As organizacións interesadas en participar teñen que enviar unha solicitude a través deste formulario.

Tech Angels Capital tamén busca achegarse a investidores, business angels e fondos de capital risco, dispostos a colaborar cos proxectos presentados co obxectivo de transformar, mellorar e promover o crecemento das startups que os impulsan. Neste caso, as entidades que queiran participar poden contactar co Clúster TIC Galicia en info@clusterticgalicia.com ou no 881 939 651.

O obxectivo é incentivar a cooperación e o crecemento do ecosistema emprendedor galego de base tecnolóxica, facilitando o seu acceso a recursos clave, novas oportunidades de mercado e á financiación que necesitan para escalar.

Foro TIC

O programa estrutúrase en dúas xornadas. O primeiro día, os inversores e as startups poderán entrar en contacto dun xeito distendido, a través dun foro colaborativo onde se presentarán retos e propostas do panorama TIC local e internacional, así como de actividades gastronómicas e de ocio.

O segundo día celebraranse sesións pitching  e encontros 1to1, deseñados para facilitar conexións estratéxicas e maximizar o valor de cada interacción, co obxectivo de crear sinerxías e establecer acordos de colaboración entre investidores e startups.

Análise das  solicitudes

Un comité de expertos integrado por membros do Clúster TIC Galicia, a Amtega, o Igape e Node Hub será o encargado de analizar as solicitudes recibidas, seleccionando os proxectos máis prometedores, en base a criterios de innovación, viabilidade e potencial de crecemento. As startups escollidas recibirán asesoramento previo para presentar da forma máis efectiva a súa proposta no encontro.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies